Andrés Rodís obtén o XIV Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis

Noa e Lara Castro Lema e mais Nuria Figueiredo foron tamén galardoadas no certame compostelán

Noa e Lara Castro Lema e mais Nuria Figueiredo foron tamén galardoadas no certame compostelán
Andrés Rodís ante a obra gañadora. Fonte: Auditorio de Galicia
O XIV Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis, que convoca o Concello de Santiago foi para o compostelán Andrés Rodís. A súa obra Variacións sobre o recipiente foi recoñecida este venres 10 de outubro co primeiro posto do certame, que conta cunha dotación de 6.000 euros en metálico.

Segundo apunta a organización, na obra o autor "traballa con diferentes materiais como o óleo, esmalte, fotografía, bordado e cerámica, nun recipiente físico situado no chan que se integra coa obra". A proposta combina "unha serie de movementos ou 'variacións' que se producen sobre un recipiente" canda á exploración "de diferentes versións arredor do propio concepto de recipiente".

O segundo premio do certame, de 3.000 euros en metálico, foi para as irmás Lara e Noa Castro Lema por Bailan os nomes, un conxunto de trinta e cinco "debuxos ou fotogramas de grafito sobre papel" que "compoñen unha animación de trazo sinxelo e en bucle dunha roda na que catro personaxes híbridos ou humanizados bailan nun círculo sen fin".

Escóitalo? É o silencio antigo de Nuria Figueiredo (Ourense, obtivo o terceiro premio, dotado con 2.000 euros. "Trátase dun cruceiro de cerámica gres esmaltada, lustre de ouro e cadea dourada que propón un propón un convite a se deter o tempo, a mirar e deixarse atravesar polo que non pode ser nomeado", explica a organización do certame.

As obras gañadoras expóñense no propio Auditorio de Galicia canda a outras 28 propostas finalistas do galardón, seleccionadas entre 98 que se presentaron. Ata o vindeiro 2 de marzo pode verse esta mostra que recolle creacións orixinais e inéditas de Pablo Agma, Alberto Ardid, Manuel Alejandro Balsas Navarro, Blanca Castro, Cristian Cerqueira, Fabián Cidrás Pérez, Matías Daporta, Carlos Fer, Alejandro Fuertes, Lúa Gándara, Doa Oa, Alberto Ovejero, Lucía Perdiz, Manuela Pereira Enríquez, Sara Piñeiro, Nicolás Pisada, Denis Protopopov, Mar Ramón Soriano, Sara Ricoy Rajoy, Fran Rodríguez Casal, Ariadna Silva Fernández, Cris Souto, Taro, Dennise Vaccarello, Aldara Vázquez, Verónica Vicente, Lucía Villar e Breogán Xague.