Mofa & Befa encaixan nos traxes de 'Os dous de sempre' de Castelao

Este venres estréase en Rianxo a adaptación escénica destes personaxes baixo dirección de Quico Cadaval

Se alguén tiña que levar á escena a adaptación teatral de 'Os dous de sempre' de Daniel Rodríguez Castelao é de xustiza que sexan o dúo cómico máis veterano do noso sistema: Mofa E e Befa. E así será, este vindeiro venres, 17 de outubro terá lugar en Rianxo a estrea deste espectáculo, no que Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, baixo a dirección de Quico Cadaval, engadirán ao ano Castelao esta montaxe teatral de Producións Excéntricas, nova adaptación da obra de humor gráfico de Castelao. Nesta nova versión completa o elenco interpretativo Josito Porto, en tanto que Carme Varela asina a dramaturxia; Baltasar Patiño, o espazo escénico e lumínico; Carlos Alonso, os figurinos; Bernardo Martínez, a música; e Sonia García, os materiais de fotografía e vídeo.

Nesta ocasión, Mofa & Befa encárganse de darlles vida a Pedriño e Rañolas, dous personaxes concibidos por Castelao na súa faceta de humorista gráfico. Amigos inseparables, son ao tempo antagónicos: un soñador idealista fronte un materialista conformista. O humor do polígrafo rianxeiro bebe da mesma fonte popular e rebelde que alimenta a traxectoria do dúo Mofa & Befa, herdeiro dos bufóns medievais, do circo, do cinema mudo e do cabaret. A súa relación rememora as grandes parellas cómicas e literarias da historia: Quixote e Sancho, Jacques o Fatalista e o seu patrón ou Don Celidonio e o Doutor Alveiros.

Xira por todo o país
Nas súas primeiras datas confirmadas, a xira de Os Dous de Sempre levará o espectáculo desde a súa estrea o 17 de outubro no Auditorio Municipal de Rianxo ata diferentes puntos do país: Moaña (18 de outubro), Arteixo (día 24), Ourense (día 25, dentro do programa do Festival Internacional de Teatro), Sada (día 26) e Ames (día 31). En novembro chegará á Sala Artika de Vigo (do 1 ao 5) e a Narón (día 29). Xa en decembro, a Padrón (día 6) e Lugo (día 11). Tres destas funcións, as que terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, no Pazo da Cultura naronés e no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, teñen ademais apoio adicional da Xunta no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A distribución continuará en 2026 cunha parada destacada no Teatro Rosalía Castro da Coruña os días 15 e 16 de maio.