Estrea de 'As Desterradas' de Carme Varela

Quico Cadaval dirixe a nova montaxe que comeza xira esta semana en Santiago

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle este xoves a estrea da montaxe 'As desterradas', novo espectáculo da compañía Producións Teatrais Excéntricas. Quico cadaval dirixe esta obra sobre un texto de Carme Varela que conta como no século XVI, unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica. Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dubidan en difamalas e ameazadas por todos os medios, dende o tribunal da Inquisición á violencia das mesnadas señoriais. Carme Varela reconstrúe nunha intriga conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A heroica resistencia daquelas freiras chega agora encarnada nun elenco que conforman Belén Constenla, Melania Cruz, Rocío González, Rebeca Montero, Patricia Vázquez e Víctor Mosqueira iluminadas por Laura Iturralde e dirixidas por Quico Cadaval. O venres, 7 haberá tamén unha funcion, que posteriormente contará cun encontro de debate sobre a obra. A montaxe comeza así unha xira pola que o día 8 estará en Rianxo, o día 10 de marzo estará en Tui, 27 de marzo en Foz, 28 en Bertamiráns (Ames) e chegará en abril a Vigo, cangas e Lugo.