Xerais presenta unha nova tanda de novidades literarias

Libros para o calor

A editorial Xerais vén de presentar unha nova tanda de novidades literarias. Catro novelas supoñen a oferta desta editorial para o tempo do verán. Por outra banda vén de sair do prelo o último número da revista poética "Clave Orión" que dirixe Luz Pozo Garza.






Xerais



A reedición dunha obra xa clásica na narrativa galega como é "Memorias de Tains" de Gonzalo R. Mourullo é unha das apostas da editorial viguesa Xerais cara a este verán. A novela sinala o comezo dunha nova andaina na colección Biblioteca das Letras Galegas, baixo a coordinación de Ramón Nicolás. Segundo a crítica, esta obra supuxo a comezos dos sesenta a renovación da narrativa galega. De estrea é a última novela de Carlos G. Reigosa, "Narcos", onde o escritor e xornalista recupera os protagonistas da celebérrima "Crime en Compostela". Xerais edita tamén a obra gañadora do premio Torrente Ballester do 2000, "A memoria do Boi", de Xosé Vázquez Pintor, unha obra polifónica ambientada nunha vila de beiramar. A última novidade da editorial é "A vida apoteósica" de Bieito Iglesias, crónica da compostela actual narrata tamén desde a multiplicidade de personaxes.












Clave Orión


Un número dobre, o VII-VIII con homenaxes a Uxío Novoneyra e a Manuel Antonio é o que nos ofrece a última edición da revista poética "Clave Orión" que vén de saír do prelo. A publicación dirixida por Luz Pozo Garza e que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Política Lingüística, recolle ilustracións, textos e mesmo partituras musicais recollidas por escritores e intelectuais galegos para homenaxar Manuel Antonio e a Uxío Novoneyra. Entre os colaboradores atopamos a Luz Pozo Garza, Manuel Ávarez Torneiro, Clementina Vidal, Andrés Xosé Pociña e Lugrís na parte gráfica. En canto a texto, podemos ver tamén a Salvador García Bodaño, Olga Novo, Eduardo Moreiras, Andrés Pociña, Pura vázquez ou Maruxa Olavide entre outros. entre os textos inéditos atópase un poema de Manuel María a Uxío Novoneyra e manuscritos do poeta do Courel de 1950. Ademais, traduccións dos poetas Vera Miller, Sascha Kafitz ou M. Kviatkóvskaia entre outros.