A asociación de sumilleres Gallaecia celebra o seu aniversario entregando os “Premios Distinguidos”

O mal da uva

Ao igual que o maitre nos aconsella que debemos comer, un sumiller é a persoa que recomenda o viño que beberemos. Unha decisión na que entran en xogo múltiples factores como o tipo de comida, a hora e o gusto que se pretenda destacar. A asociación de sumilleres Gallaecia traballa en contribuir a destacar a singularidade e personalidade dos caldos galegos agora que o viño non pasa polo seu mellor momento de vendas.

Luís López Paadín, secretario da Asociación de sumilleres Gallaecia, evidencia dúas características dos viños galegos. “O que destaco é a singularidade porque teñen unha personalidade moi marcada e moi definida, sobre todo no caso dos brancos, e nos últimos anos puidemos empezar a falar de viños de moita máis calidade”. Desde hai anos os brancos forman parte das cartas dos restaurantes máis selectos, mentres que no caso dos tintos a historia é ben diferente. “O prestixio do banco xa o teñen acadado, explica Padin, pero noto que hai outras zonas emerxentes que nos están gañando terreo. Penso é que hai que empezar a vender a nosa diversidade, que non se plasma nas cartas dos restaurantes que só recollen 4 ou 5 marcas, pero Galicia é moito máis que iso, é o país dos mil viños e algo que hai que por en valor”.

A cervexa, ese perigoso inimigo
Non son bos tempos para o viño; a cervexa ou mesmo a auga, xunto co descenso das taxas de alcoholemia permitidas foron relegándolle protagonismo ao viño nas mesas.“Nestes momentos a xuventude, por prezo e por falta de boa campaña (que non se fixo ningunha) demanda menos viño”. O secretario da Asociacion de Sumilleres analiza que “sí se fixeron campañas masivas en prol do consumo de cervexa. O viño vai ter que poñerse en pilas en cuestión de imaxe, porque ata o de agora estaba asociado a ser consumido por unha elite, a unha imaxe de esnobismo. Hai que recuperar a masa popular e buscar o consumo civilizado do viño, pero de calidade”.

Non é unha apreciación particular de Luís López, senón unha doenza que afecta ao sector viticultor de todo o Estado. Nos últimos cinco anos o consumo do consunto de viños baixou o 15’7%, situándose en pouco máis de 28 litros per cápita (en Francia e Italia o consumo medio está en 56).

Agora mesmo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) está a traballar no futuro Plan Estratéxico Vitivinicultor que ten previsto celebrar en Galicia unhas mesas de traballo. Unha destinada á produción e o potencial vitivinícola; outra análise de demanda e unha terceira de reflexións sobre a estructura do sector e a súa articulación. Trátase dun debate no que estará presente a Administración central e autonómica, as Denominacións de Orixe, as cooperativas, as organizacións agrarias e as demais asociacións empresariais do viño.



A asociación
Desde que a asociación comenzase a funcionar (cumpre este xaneiro sete anos) non estiveron sós non seu empeño de divulgar a cultura do viño. “Os Consellos
Reguladores, explica Luís, déronse conta rapidamente de que nos une o mesmo interés, que non é outro de que os viños galegos cheguen a todas as partes”. Así, cada quen na área que lle compete, traballan na promoción e defensa do viño. Á Asociación cómprelle un traballo importante, pero menos recoñecido, que é o de formar a profesionais da hostalería que, a pé de mesa recomenden aos clientes que viño beber.

Deste xeito, desenvolven unha campaña intensa de formación de sumilleres con cursos e viaxes a zonas con importancia vitivinícola abertas tanto a socios como a profesionais en xeral. E os resultados non lle foron nada mal. A asociación conta hoxe cuns corenta socios, socios de honra e socios protectores; profesionais da hostalería que fan campaña a prol dos viños galegos.

Explica Luís López que “o mais importante das nosas actividades son as “Distincións Gallaecia” (certame que se celebra todos os anos e que premia os mellores caldos) xa que todos os anos imos aos consellos reguladores e probamos todas as novidades, en torno a unhas 400 referencias do viño e que logo trasladamos ao resto do colectivo”. Todo este traballo continuado durante os sete anos que leva en marcha a asociación acaba de ter os seus froitos: a primeira guía de viños, augardentes e adegas de Galicia. Despois de facer catas dobres (sempre unha cata cega) de viños que se mercaron en tendas especializadas ou distribuidores, para evitar arranxos no viño, deu lugar a que unhas 500 adegas e 900 viños formasen parte deste volume. Hai un apartado especial para os “Distinguidos Gallaecia”, é dicir, os premiados cada ano.

O vindeiro día 30 de xaneiro, o salón de actos do museo Domus (A Coruña) entregará os premios aos distinguidos desta última edición. Revela o secretario da asociación que os galardoados serán “Santiago Ruiz, (viticultor de O Rosal), Xurxo Lobato no apartado xornalístico, o presidente fundador de conservas “A Pureza” de Cariño como artesá distinguido e un socio de honra que aínda non confirmou a asistencia e por iso non o podemos facer público”.