A familia Álvarez leva máis dun século deixando a marca do seu apelido na cultura do país

Cultura marca Álvarez

Son milleiros as xuntanzas familiares que de se producen nestas datas de Nadal. Mais, ¿como sería unha destas reunións se a maior parte dos membros da familia fosen escritores, artistas ou recoñecidos membros da cultura do país? A familia Álvarez leva desde hai máis dun século deixando a súa pegada na configuración da cultura e da sociedade galega, achegando un bo feixe de nomes ás nosas enciclopedias. Entre os máis recentes, os irmáns Cáccamo.

Desde o Rexurdimento foron moitos os nomes que destacaron na defensa da cultura do país. No medio dunha posíbel lista das persoas que máis fixeron neste campo desde aquela, habíamos encontrar, case no comezo, un apelido que se repite insistentemente ao longo da historia, en diferentes anos e dedicándose a actividades coma a literatura, o xornalismo, a política, os estudos do máis diverso tipo ou a arte. Desde o traballo de Emilio Álvarez Giménez nos albores do século XX até ás máis recentes achegas literarias, artísticas e de investigación dos actuais Álvarez Cáccamo, a saga dos Álvarez supón un dos casos máis curiosos de continuidade no compromiso co país e na vocación artística e literaria.

O comezo
Aínda que, evidentemente, a familia vén de antes, a presenza dos Álvarez nos anais da cultura galega comezou no século XIX co traballo de Emilio Álvarez Giménez. Catedrático de Ensino Secundario e escritor que, a pesar de ter nacido en Puebla de Sanabria, practicou a literatura no noso idioma. Unha das súas obras máis importantes foi a obra de teatro, "Mari-Castaña" (1884) que non chegou a ver a luz naquela época, alén dunha biografía do padre Sarmiento, un "Refranero Gallego" e varias composicións poéticas. Os seus fillos, os irmáns Álvarez Limeses desempeñaron destacadas funcións no desenvolvemento do Partido Galeguista durante a Segunda República, e continuaron cun fecundo labor literario e xornalístico, polo que foron duramente reprimidos na posguerra. No caso de Darío Álvarez Limeses a represión chegou ao estremo de ser fusilado en 1936, e de afectar aos seus fillos, os Álvarez Blázquez afastándoos dos seus posto de traballo e levándoos ao exilio nalgún caso. Como curiosidade, nesta mesma época unha das fillas de Gerardo Álvarez Limeses, Amalia Álvarez Gallego, filla duns dos irmáns Limeses, sufría tamén a represión ao asistir ao fusilamento do seu marido, Alexandre Bóveda.

Despois da guerra
Foron precisamente os irmáns Blázquez uns dos máis activos impulsores da recuperación cultural galega durante o franquismo. De novo os camiños do xornalismo e da literatura foron os escollidos para desenvolver o seu traballo. Fundación de editoriais coma Castrelos, colaboracións constantes con prensa, dirección de coleccións literarias ou a continuación da presenza familiar en institucións coma a Real Academia Galega coma académicos correspondentes ou numerarios foron algúns dos labores que abordaron. Os seus nomes aparecen indisolublemente asociados a outros ben coñecidos coma Celso Emilio Ferreiro ou Francisco Fernández del Riego, cos que colaboraron en diversas iniciativas. Os fillos daqueles Blázquez son na actualidade algúns dos máis destacados nomes da cultura do país, cos irmáns Cáccamo como principais aínda que non únicos representantes. Deste xeito Xosé María Álvarez Cáccamo é recoñecido como un dos principais poetas do país, mentres o seu irmán Celso é unha autoridade en materia de sociolingüística desde o seu posto de profesor da universidade da Coruña. Os ámbitos de acción da familia fóronse estendendo nestas últimas xeracións, e deste xeito apareceron pintores coma Berta Cáccamo ou Darío Basso na árbore xenealóxica. É tamén unha Álvarez, Carlota Álvarez Basso, a actual directora do Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Ademais daqueles que conseguen un certo renome pola súa actividade cultural, hai tamén membros da familia que non teñen neste campo a súa vocación fundamental pero que amosan as súas inquedanzas artísticas ou literarias. Deste xeito, médicos coma Darío Álvarez Blázquez ou o seu homónimo Álvarez Gándara publicaron novelas e realizaron colaboracións en prensa en diferentes momentos.

Explicacións
A explicación ao compromiso e a inquedanza cultural que esta familia mantén ao longo do último século non é sinxela. "Em grande medida, a cultura é também um ofício, um ofício de classe, que se transmite de geração em geração", explica Celso Álvarez Cáccamo. "Esse capital cultural pode gerar por sua vez, além de algum capital económico, sobretudo um tipo de capital social, quer dizer, uma série de recursos de relacionamento e visibilidade que colocam os seus possuidores em condições de saída relativamente vantajosas a respeito de outras pessoas". Pola súa banda Xosé María Álvarez Cáccamo, apunta que o factor ambiental é fundamental: “Desde pequenos hai un ambiente a casa, bibliotecas importantes e unha liña a seguir". Destaca no entanto que "pode haber elementos genéticos, aínda que eu rentrixiría moito este factor. En todos os poetas da familia hai unha serie de constantes coma a facilidade para o ritmo. Do mesmo xeito que se herda o ouvido musical e determinadas tendencias para disciplinas, podería herdarse o ouvido para o ritmo poemático."

Consciencia de familia
Os dous irmáns coinciden en afirmar que a consciencia de pertencer á familia inflúe sen dúbida na dedicación á cultura dos seus membros. Segundo Xosé María "é un factor que inflúe moito. Eu comecei a escribir moi novo,pero arredor dos vinte anos foi cando comecei a lle dar importancia ao feito de haber máis escritores na familia". No mesmo sentido, Celso apunta que ""fazer cultura" para alguns (até recentemente, sobretudo para os varões) pode resultar a actividade mais natural, por pura identificação com os modelos de referência". E engade que "para mim, polo menos, o passado familiar sempre estivo muito presente, até às vezes para obstaculizar a visão do futuro". A represión sufrida durante o franquismo é un dos elementos que máis condicionan este pasado "conhecer desde miúdo esta parte da nossa história da boca de meu pai Xosé María, que tinha 21 anos quando mataram o seu próprio pai, influiu muito na minha concepção da política, deste país e de todos", apunta Celso. O seu irmán concorda en que a historia do avó fusilado e a represión deu nun "sentido de solidariedade" que se mantén na familia".

Libros de familia e un futuro aberto
Esta consciencia de familia vese tamén en traballos coma a biografía que Alfonso Álvarez Cáccamo realizou sobre o seu pai, Xosé María Álvarez Blázquez ou a súa tradución de dúas novelas deste mesmo autor. Unha escolma da produción literaria da familia, en concreto a poesía, foi recollida no libro "Escolma de familia. Cen anos de poesía" que compilou no ano 2000 Xosé María Álvarez Cáccamo e que inclúe poemas dos Giménez, Limeses, Blázquez, Negreira e Cáccamo, alén dunha árbore xenealóxica cos membros da familia dedicados á literatura e unha breve introdución histórica realizada por Xabier Rodríguez Baixeras. Aínda que a importancia que poden alcanzar as vindeiras xeracións da familia está aínda por se ver, as inquedanzas culturais semellan continuar. "Polo de agora non se pode saber, non sei se a miña filla que se dedica ao xornalismo continuará por aí. Tamén hai un fillo de Alfonso (Álvarez Cáccamo) que se dedica á música", explica Xosé María. Nos vindeiros anos hase saber até que punto esta saga continuará a deixar a súa pegada na nosa cultura.