O Consello Galego de Museos analiza o público que vai aos centros no seu VIII Coloquio

Museos con carta

Uns fixan a entrada gratuita, outros prefiren ter persoas a pé de sala explicando as mostras e outros centran o seu esforzo en achegar as súas exposicións aos máis cativos. Son algunhas das estratexias que desenvolven os museos para chegar ao público. De cada unha desas experiencias falouse esta fin de semana en Ponteareas dentro do VIII Coloquio Galego de Museos.

Un museo non ten razón de ser sen o seu público. E sobre esta premisa o Consello Galego de Museos, unha asociación que abrangue a unha trintena de centros de toda Galicia organiza unhas xornadas nas que se pretende ver a problemática común que ten cada institución museística e mellorar o seu achegamento a público. Precisamente nel se centraba esta edición, xa que baixo o tema "Os museos e o seu público", organizáronse dúas sesións que pretendían analizar o perfil do visitante, as técnicas e as estratexias para chamar a súa atención e para que a visita fose o máis frutífera posíbel.

A cita foi en Ponteareas, como unha especie de recoñecemento ao labor que desde hai catorce anos vén desenvolvendo o Museo Municipal de Ponteareas a prol da recuperación e difusión do patrimonio cultural da súa comarca. Alén diso, a celebración das xornadas serviu de marco para a sinatura dun convenio entre o Concello de Ponteareas e a Consellaría de Cultura para a mellora de equipamento e dotación do museo local.

"Dime quen te visita e direiche que museo es"
A análise do número e do tipo de público e a súa relación co proxecto museográfico foron as liñas xerais polas que transcorreron as xornadas. En primeiro lugar interesaba saber cal é o tipo de público, para poder deseñar unha estratexia que permita, en segundo lugar, un maior servizo e maximizar a visita. Agora ben, analizar o público é un traballo velado que a institución fai silenciosamente pero que logo se pode apreciar a través de diferentes estratexias.

A explicación a pé de obra: o caso do CGAC
Desde este verán o CGAC conta con persoas repartidas polas salas explicando as características, a temática e as claves para comprender as obras dos artistas; pero non é a única novidade que se pode apreciar no propio centro, xa que ás horas en punto, outra persoa do CGAC recolle ás persoas na entrada para ofrecerlle unha vista de Santiago desde a terraza do propio edificio. Non é un proxecto máis dentro da estratexia turística do Xacobeo, senón unha estratexia de captación de público e de ofrecer un mellor servizo ao que chama "visitante autónomo" para que a súa presenza sexa o máis proveitosa posíbel.

O visitante autónomo é un dos perfís de visitantes que o Centro Galego de Arte Contemporánea estabelece en función dos seus estudos. Unhas análises feitas polo propio persoal do CGAC e sen axuda externa. Cristina Trigo do servizo pedagóxico explica que baixo este concepto se atopa "un visitante de entre 35 e 45 anos, que é o que chamamos público autónomo, que acostuma a vir acompañado e frecuenta o centro entre fin de semana e polas tardes. Este tipo de público ten un punto común que busca de información (folletos, catálogos...)". E Cristina apunta outro perfil máis, o dun "estudante entre primaria e secundaria, de 10 a 13 anos, fundamentalmente galego, fundamentalmente rural que chega ao museo mediante un intermediario, que pode ser un profesor ou un titor dentro dunha excursión de tipo académico". Este segundo tipo de público manifestaba reaccións diferentes na súa visita ao propio centro. "Cos rapaces, explica Cristina, había unha dificultade engadida, que chegaban ao CGAC e había un choque entre o que eles sabían e o que logo vían aquí. Iso provocaba unha incomprensión que nos motivou a explicar a obra cos propios rapaces". Así naceu un programa que se desenvolve ao longo do curso escolar e no que se fomentan charlas, visitas-debate, sesións entre os rapaces e os artistas que axudasen a coñecer mellor o seu traballo.


A dinamización a través de experiencias puntuais o Quiñones de León
Hai outros museos que en lugar de desenvolver estratexias en función do público que os visita, organizan experiencias pilotos para ver como responde o público. Nesta segunda liña está en Vigo o museo municipal Quiñones de León que durante este 2004 desenvolveu estratexias co seu público a partir de experiencias puntuais. Aproveitando que o lema para celebrar o Día Internacional dos Museos era "Museos e patrimonio inmaterial", este museo municipal que prevé acadar este ano 30.000 visitantes, organizou unha xornada que tiña como especial destinatario aos estudantes vigueses. José Ballesta, director do centro, explicaba que se pretendía "unha visita á cara oculta do museo, é dicir, distintos profesionais explicaban o seu traballo que habitualmente non se vía nunha visita ordinaria, desde o departamento de publicacións até o de conservación das obras". Por outro lado, continúa Ballesta, "pretendíamos propiciar un encontro xeracional, aproveitando que estaba dedicado ao patrimonio inmaterial, xuntamos a xente da terceira idade cos rapaces e propiciamos un encontro a través da propia arte". E a experiencia foi moi frutífera.

Por outro lado, José Ballesta aproveitou outra das súa intervencións no Coloquio para defender que "as exposicións temporais son unha ferramenta fundamental para atraer a atención da xente até o museo, porque a data de finalización é un incentivo máis para visitar unha mostra". O propio centro puido comprobalo nas súas propias salas durante este 2004 porque organizaron unha mostra sobre a Reconquista e "detectamos que houbo un incremento de público, porque falamos da historia de Vigo, que son temas próximos que lles toca á xente". O programa continuou pola semana, onde o museo deseñou unha mostra onde os monitores ían vestidos de época e foron explicando as etapas da Reconquista, desde un punto de vista pacifista. "Con esta idea de sacar exposicións do propio museo fixemos visitas guiadas polos escenarios da Reconquista pola mañá e os domingos pola mañá". Foi tan exitosa que este ano subiu a media de visitas do centro e non só iso, senón que o Concello está a estudar visitas semellantes como práctica habitual. Polo demais, o Quiñones de León, nun interese por promover as visitas, un maior coñecemento da historia da cidade e de fomentar as visitas nos museos "asinamos un convenio de colaboración co Marco e outro co do Mar para estabelecer unha estratexia común para que a xente visite os tres".