A presenza feminina marca unha nova edición do Salón do Cómic de Coruña

Sete viñetas, sete Coruñas

As réplicas de Clara de Noche, Hellboy e El Mercenario son os tres novos visitantes que ten a VII edición de "Viñetas no Atlántico", o salón de cómic da Coruña. Pero están aquí para quedarse e para compartir espazo con Ana Míralles, a primeira muller convidada no evento; a presenza de Bruce Jones (o artista que debuxou a Hulk, Spiderman ou Dardevil); a homenaxe a "El Víbora", unha cabeceira senlleira e a unha serie de figuras do cómic que soprarán as candeas no décimo aniversario do Xabarín.

Un ano máis A Coruña convértese na capital da banda deseñada. E faino, grazas ao equipo formado por Miguel Anxo Prado e o Concello da Coruña. O primeiro porque facilita o seu coñecemento, os seus contactos e o seu esforzo persoal e o segundo porque pon os cartos, dispón os espazos e ofrece todo o aparato técnico para que isto sexa posíbel. E o cartel deste ano ven cargado de actividades, exposicións e presentacións que se prolongarán até o vindeiro 22 de agosto, aínda que algunhas das mostras queden na cidade herculina até finais de mes.

Os galegos
O ciclo "Viñetas desde o Atlántico" dedícase este ano ao Xabarín, porque a personaxe creada por Miguelanxo Prado cumpre dez anos. O seu creador, xunto con Paco Carballés e Alberto Casal, produto e guionista do programa televisivo falarán esta tarde ás 18:00 horas arredor do popularizado personaxe televisivo. Un complemento da exposición que está na Casa de Cultura Salvador de Madariaga, na rúa Duran Loriga e que é un dos puntos de atracción do público infantil.

Pero o salón, máis que un lugar de exposicións, é unha feira na que os autores van a vender e a presentar a súas novidades. Baixo o selo da editorial coruñesa Polaqia, Enma Ríos trae o número dous de "A prueba de balas", Álvaro López "Feliz Cumpleaños, May" e Kike Benlloch dirixe o número tres de "Barsowia", a única que se edita en galego. Mais hai máis, Alberto Vázquez é un dos autores e promotores de "El fanzine enfermo" no que participan, entre outros, Jano ou Brais Rodríguez. Completa o repaso das novidades dos autores galegos Javi Prieto que chega a Coruña co número 1 de "Hotel diablos" debaixo do brazo. Os autores galegos tamén teñen o seu oco na publicación cordobesa "Dos veces breve" que tamén estará presente no Salón.

Pasar da muller a Francia
Ana Miralles (Madrid, 1959) escribe unha páxina nova na historia de Viñetas. E faino precisamente polo feito de ser muller, xa que se converte na primeira fémina en expor no Kiosko Afonso o seu traballo na dobre faceta de guionista e de creadora de banda deseñada. Da súa man naceron Djinn e Eva Medusa, personaxe que a consagrou en 1991 e que lle abriu as portas dos mercados europeos e a deu a coñecer nos americanos. Con ela estará a Genovesa Bárbara Canepa e a súa presenza serve de indicador do grado de madurez que alcanza a sétima edición de Viñetas. Un feito ao que se lle engade que o "pai" de Hulk, de Spiderman ou Daredevil, ou o que é o mesmo, Bruce Jones, tamén estea na Coruña (o sábado 21). O autor americano comparte mesa e mantel cunha edición con acento francófono, que é o que lle da ao belga Denís Deprèz e a Nicolás de Crécy.



BD underground
A sétima edición tamén quere render unha homenaxe a "El Víbora", que foi unha das cabeceiras emblemáticas dentro da banda deseñada estatal, polo seu traballo de independencia e loita pola liberade coa que espuxeron as súas ideas. A revista, creada en 1979, acaba de desaparecer por problemas económicos e terá unha exposición retrospectiva nesta sétima edición. O mesmo tratamento e dedicación que haberá para os malagueños Idígoras e Pachi, herdeiros do humor ácido dunha fornada de creadores, debuxanetes e guionistas que marcaron un selo e un saber facer no estado coas súas bromas sobre a monarquía e pola súa peculiar visión da actualidade.


Unha ollada veciña
O editor Joan Lameiras inauguraba onte os ciclos de conferencias co público falando da situación do cómic en Portugal. País que este ano ten unha importancia destacada no Salón, xa que se dedica unha exposición sobre a influencia que tivo a revolución dos Cravos no tebeo. Lameiras aproveitou a súa estadía na Coruña para denunciar que a banda deseñada portuguesa chega antes a Bélxica ou a Francia que a España.

En total o Salón achega neste ano de madurez as grandes liñas da tradición en Norteamérica, Europa e España, ao lado de novos talentos e creadores que ofrecen unha visión da actualidade entre ácida e mordaz. Os 70.000 visitantes que están previstos que se deixen caer polo Salón estes días, poderán gozalo nas súas propias carnes.