Aduaneiros sem Fronteiras difunden libremente na rede os seus deseños retranqueiros nunha iniciativa pioneira

Alfándegas abertas

"Aduaneiros sem Fronteiras é um weblog dedicado a investigar nos santos mistérios da sociedade, política e cultura galegas, de um ponto de vista humorístico e maioritariamente gráfico". Así se presenta o web deste colectivo. Desde alí, mensaxes iconoclastas, humorísticas e de denuncia van saíndo á rede baixo a licenza Creative Commons, polo que poden ser empregadas ou modificadas por quen quixer, sempre que non o faga con intención de lucro persoal. Deste xeito, os Aduaneiros son pioneiros no noso país en empregar este tipo de licenza para creacións de deseño gráfico.

Aduaneiros sem Fronteiras, do mesmo xeito que o colectivo Va-Ca (Vía Anticolonial Activa), con quen comparten moitas afinidades, é un grupo anónimo que centra a súa acción retranqueiro-subversiva no deseño gráfico. A orixe do proxecto está na toma de consciencia de que "o movemento galego de transformación social e emancipación nacional adoecía dun ritus taciturno" sinalan os Aduaneiros. "Facía fala moitísima máis cor no aspecto gráfico artístico e autoesmagamento no aspecto ideolóxico. O riso pareceu o método máis galego para dar forma aos contidos", apuntan. A intención do grupo, é "facer un percorrido e autocoñecemento social a través de iconas colectivas básicas do pobo galego, dándolles a volta con ironía" e coidando sempre a calidade gráfica do produto. "O obxectivo último sería facer avanzar o proceso de liberación", uníndoo coa experimentación no ámbito do deseño e a normalización da normativa galego-portuguesa. Deste xeito foron vendo a luz na rede o xa mítico "Mata os teus ídolos" sobre a imaxe de Castelao, a Pucca vestida co traxe tradicional galego, o "LZ – Letiza" ou a capa do disco de Carmiña Burana.

Liberdade con licenza
Todo este traballo está dispoñíbel a quen o quixer empregar para fins non lucrativos xa que se distribúe baixo a licenza Creative Commons. Este texto permite "copiar, distribuir, exhibir e comunicar a obra" e mesmo crear outras derivadas, coa peculiaridade de que se debe recoñecer claramente a autoría ao autor orixinal, non se poderá empregar para fins comerciais e deberá distribuírse tamén dentro desta licenza. Para os Aduaneiros "liberar os nosos traballos baixo esa licenza é un mecanismo para acrecentar a súa distribución, permitindo á xente que os aproveite para o que precisar. Achamos que a creatividade ten que ser un ben común e que canto mais libre for o seu uso maior proveito se lle tirará por parte de todas e todos". Segundo apuntan os aduaneiros, "no mundo dos weblogs é unha maneira de licenciar os contidos bastante común".

O nacemento da Creative
A orixe da licenza Creative Commons está no avogado estadounidense Lawrence Lessig, profesor da Universidade de Stanford, que se decatou de que a lexislación tradicional impide ao autor prescindir de parte dos seus dereitos mesmo cando este quere facelo. A súa proposta foi un éxito e a Creative Commons é empregada en todo o mundo mesmo por entidades coma o prestixioso Massachusetts Institute of Technology. Polo de agora o texto completo da mesma non está dispoñíbel en galego. O sociólogo Fernando Garrido, membro de Cibersociedad.net realizou unha primeira adaptación para o noso idioma da licenza específica para texto a partir da versión en español, e está en proxecto a tradución total do documento.

Outros webs libres
Aduaneiros son o exemplo máis destacado de utilización desta licenza para produtos de creación en Galicia. Sen embargo, existen no país outros webs que empregan a licenza Creative Commons para difundir, na maior parte dos casos, artigos de divulgación. Un destes exemplos é Fírgoa, unha comunidade de investigación en educación e ensino electrónico que naceu no seo da USC. Outro lugar que libera os seus contidos baixo os termos desta licenza é culturagalega.org, que permite reproducir os seus contidos citando a fonte e que agrega ás condicións básicas do documento a necesidade de sinalar a data orixinal de publicación dos textos.

Camisetas sem Fronteiras
Nas últimas semanas, os aduaneiros están a dar novos pasos que amplían o seu proxecto. Recentemente presentaban a primeira liña de camisetas que empregan algúns dos deseños que aparecen no web, seleccionados polos usuarios a través de votación. Segundo apuntan os responsábeis do proxectos, esta idea xurdiu "como unha demanda informal das persoas que visitaban o noso web" e co crecemento do proxecto foise vendo a viabilidade do proxecto. No entanto advirten que a liña téxtil é algo "totalmente accesorio e circunstancial no proxecto, onde o fundamental é o que acontece arredor do web". Polo momento só as creacións dos membros do colectivo vertéronse á tea, e os Aduaneiros aseguran que lles gustaría "que a xente tirase as súas propias camisetas ou o que quixeren cos deseños ou variacións dos mesmos, sempre baixo os termos da licencia". Dos beneficios obtidos coa venda destes produtos, a metade destínanse a Projecto Global, a empresa que as distribúe, e o resto destínase "a cubrir gastos do proxecto e a nutrir de substancias varias (pipas de xirasol) ao conxunto de cabezas que paren as ideas".

A fronte da retranca
A outra grande novidade dos aduaneiros coñecíase aínda a semana pasada, e consiste na coordinación con Va-Ca para crear a FREAC (Frente Retranqueira Anticolonial). Este novo colectivo pretende unificar accións de caracter reivindicativo humorístico como as que xorden habitualmente destes colectivos. Deste xeito, para o día vintecatro de xullo está xa programada unha cea á que convidan a todo os que comparten o espírito burlesco das dúas iniciativas, e para celebrar o Día da Patria propoñen unha "ofrenda frugal" no panteón de galegos ilustres e unha "mani-festa-acçom" co lema "Somos galeg*s e nom nos entendemos". A idea a partir desa data é "continuar na liña, creando e difundido material e estabelecer elos de unión entre persoas e colectivos de talante semellante". A retranca avanza.