A centenaria Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario loita por abrirse á sociedade e potenciar as súas actividades

A outra Real Academia

Nunha vella casa da Coruña, unha institución centenaria sobrevive os embates do tempo. Descoñecida pola maior parte do público, a Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, fundada en 1849, desenvolve silandeira o seu traballo colaborando con diferentes organizacións e cunha participación decisiva nas candidaturas da Muralla de Lugo e dos Castelos de Ferrol a Patrimonio da Humanidade. Na actualidade os compoñentes da institución traballan para darlle un novo pulo e conseguir que se recoñeza o seu traballo.

En 1849 un Real Decreto estabelecía a creación de catorce academias de Belas Artes en todo o Estado. Entre elas estaba a Academia Provincial da Coruña, xerme da actual Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora del Rosario. Desde aquel afastado día, este organismo veu desenvolvendo un intenso labor de mecenado e de promoción da cultura, primeiro na Cidade Herculina e despois en todo o país. Desde xeito, foi da Academia de onde naceu a Escola de Artes de Oficios da Coruña e o Museo Provincial entre finais do século XIX e comezos do XX. Xa mais recentemente, esta institución puña en marcha un Arquivo Musical de Galicia, e a partir de 1991 outro de imaxes organizado a partir do legado fotográfico do historiador Manuel Chamoso Lamas. É tamén a Academia quen entrega a Medalla Marcial del Adalid, e a Medalla de Honor para recoñecer o traballo a prol do desenvolvemento das artes e da cultura.

Renovación
A recente mudanza da directiva, presidida por María de las Mercedes Goicoa Fernández, provocou un proceso de renovación dentro da Academia, coincidindo co traspaso das competencias sobre esta entidade desde o Ministerio de Educación e Ciencia á Xunta de Galicia. "Isto non implica que a Academia perda a relación coas súas homólogas do Estado, simplemente que cuestións administrativas coma a renovación dos estatutos pasan a depender da Xunta" explica Ramón Yzquierdo Perrín, historiador e membro desta institución. "O que se está a facer agora é abrir un pouco a Academia á sociedade. Para isto estamos a organizar concertos da sede da entidade e organizamos coa colaboración da Deputación Provincial os Salóns de Outono. Tamén abriu recentemente un web sobre a Academia."

Os informes
"Colaboramos coa Administración coma órgano consultivo, realizamos informes sobre a declaración de bens de interese cultural. Hai pouco asinamos un convenio coa Dirección Xeral de Patrimonio para realizar actividades deste tipo. Tamén prestamos obras para diferentes mostras." , explica Yzquierdo. Neste sentido, aínda que pouco coñecido, o traballo da Real Academia estivo detrás de dúas das iniciativas que máis deron que falar no mundo da cultura durante os últimos anos. "O informe para comezar a iniciativa de declarar os castelos da Ría de Ferrol coma Patrimonio da Humanidade saíu da Academia, e o mesmo aconteceu coa muralla romana de Lugo" asegura Yzquierdo. "Nós iniciamos os procesos, facemos o estudo inicial, mais despois hai que dicir que a xente esquece iso".

Financiamento
"O problema máis grave que ten a Academia é o financiamento, xa que o que viña de Madrid era case simbólico, e realizar actividades sempre require un apoio económico", explica Yzquierdo. Entre as actividades máis gravosas que esta entidade estivo a realizar nos últimos anos está a publicación da revista "Abrente", que contaba cunha subvención da Fundación Barrié e se imprimía nos talleres da Deputación da Coruña. O traballo que desenvolven os académicos, todos eles artistas e estudosos de recoñecido prestixio, é completamente de balde. "Ser académico non leva consigo ningunha prebenda de pago, non se cobra polos artigos que saen en "Abrente", nin polos informes que se fan para a Xunta sequera", explica Yzquierdo. Só se cobren, segundo este académico, os gastos de desprazamento necesarios para chegar aos lugares que deben estudar. Até o mantemento do local no que están instalada esta entidade, o antigo Real Consulado do Mar, supón, segundo os académicos, un problema, e solicitan ao Concello da Coruña, de quen depende o edificio, que asuma estes gastos.

A colección
Ao longo dos anos, a Academia reuniu unha importante colección de obras de arte que, en boa medida, continúa agochada por falta de lugares para a expor. A tradición de que os artistas que ingresan na entidade doen unha obra fixo que nos fondos haxa unha importante presenza de artistas contemporáneos galegos. "Hai tamén unha colección bastante boa de gravados que inclúe desde os grandes gravadores do Barroco até Goya". Só unha pequena parte destes fondos poden verse no Museo Provincial, e en diferentes mostras ás que se lles emprestan obras. "Estamos negociando uns convenios coas Deputacións Provinciais para organizar mostras itinerantes e dar a coñecer estes fondos".

Ingresos e novas
Se aínda esta fin de semana se celebraba o acto de ingreso do pintor compostelán Quíntana Martelo, a Academia prevé realizar nas vindeiras semanas dous novos ingresos. Rafael Baltar e Socorro Ortega son as seguintes, e queda aínda unha vacante de académico numerario. O vinteseis de xuño celebrarase a vindeira xuntanza mensual da entidade. Será en Pontevedra, dentro da dinámica dos últimos tempos de facer as xuntanzas fóra da sede da Academia, "hai moita xente que pensa que esta é unha Academia da Coruña, e deste xeito queremos difundir o noso traballo por toda Galicia", explica Yzquierdo. "Cos novos estatutos haberá máis prazas e daráselle entrada a actividades máis actuais coma deseño ou vídeo, que até o de agora non estaban presentes". O obxectivo nesta nova etapa é conseguir "que a Academia teña o recoñecemento que debería ter e que penso que merece, esa é a dinámica na que estamos neste momento".