O filme noruegués 'Armand' gaña no 38º CIneuropa

O Xurado Novo deu o premio de mellor filme a 'Tardes de soledad', de Albert Serra

Cineuropa pechou a súa 38ª edición e deu a coñecer este sábado os mellores traballos do certame nunha gala desenvolvida no Teatro Principal. Na cerimonia de clausura do festival fíxose lectura do ditame do Xurado Oficial, que valorou os filmes concorrentes na sección Novas/os Cineastas, e do palmarés do Xurado Novo que avaliou as películas que concorren tanto nesa como nas outras seccións competitivas desta edición: Sección Oficial Europa, Panorama Internacional, Panorama Audiovisual Galego e Docs Cineuropa. O máis votado polo público foi a miniserie 'La ciudad de los Muchachos' de Elías León Siminiani.



O Xurado Oficial de Cineuropa, formado este ano polas cineastas Flávia Castro e Sonia Méndez xunto á directora de Cinemateca Uruguaya, María José Santacreu, distinguiu como mellor película o filme noruegués 'Armand (A titoría)', de Halfdan Ullmann Tøndel. O xurado concedeu ademais un premio especial a 'Henry Fonda for president', o documental do cineasta austríaco Alexander Horwath. O filme 'Akiplėša (Toxic)' valeulle á realizadora lituana Saulė Bliuvaitė o premio á mellor dirección mentres que o galardón ao mellor guión recaeu en Michael Tyburski por 'Turn me on'. Ademais, o Xurado Oficial distinguiu as tres actrices de 'Les femmes au balcon (Mulleres no balcón)', Noémie Merlant, Sanda Codreanu e Souheila Yacoub, co premio á mellor interpretación. Pola súa banda, o Xurado Novo, recoñeceu o documental sobre tauromaquia 'Tardes de soledad', de Albert Serra, como mellor filme da edición. A xeorxiana Dea Kulumbegashvili gañou o premio á mellor dirección por 'April'. A española 'Polvo Serán', de Carlos Marques-Marcet, fíxose co premio ao mellor guión, asinado polo director do filme xunto con Clara Roquet e Coral Cruz. Finalmente, os premios ás mellores interpretacións recaeron na actriz Ingrid García-Jonsson por' Una ballena' e Franz Rogowski por 'Bird'.