O patrimonio inmaterial común galego-portugués aspira a ser declarado Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO

O tesouro que non se ve

Estamos afeitos a valorar coma patrimonio os grandes monumentos, os edificios con historia, as formacións naturais grandiosas. Poñemos en valor estes elementos, publicitámolos coma atractivos turísticos, acudimos a velos. Sen embargo, existe outro patrimonio, moito menos valorado e máis difícil de ver e en risco de desaparición, un patrimonio coma a tradición oral galego-portuguesa que aspira, con moitas posibilidades, a conseguir o recoñecemento da UNESCO coma Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial Intanxíbel da Humanidade.

Alén de protexer antigos edificios e conxuntos históricos de grande importancia, a UNESCO preocúpase tamén por recoñecer a importancia de formas culturais que carecen de manifestacións materiais deste tipo. Deste xeito, en 1998, este organismo internacional creaba a categoría de Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial, e en 2001 recoñecías as primeiras dezanove manifestacións culturais distinguidas con esta categoría. Linguas, literatura oral, música, danza, xogos, mitoloxía, ritos, indumentaria, artesanía ou formas tradicionais de comunicación, así coma espazos culturais son algúns dos elementos que poden aspirar a este recoñecemento. Na actualidade existen corenta e sete destas Obras Mestras, e máis de catro mil formas culturais declaradas Patrimonio Inmaterial.

A proposta galega
Aínda que, evidentemente, o patrimonio inmaterial galego-portugués existe desde hai séculos, a súa proposta para ser considerado pola UNESCO Obra Mestra da Humanidade naceu aproximadamente hai dous anos dentro da iniciativa radiofónica "Ponte... nas ondas", organizada por centros escolares das dúas bandas do Miño. "Levamos traballando sobre patrimonio inmaterial en 'Ponte... nas ondas' desde o ano 2002, e fomos constatando que existía un patrimonio común a Galicia e a Portugal", explica Santiago Veloso, un dos promotores da proposta. "No traballo nas escolas víronse estas evidencias, contrastáronse as analoxías e as pequenas diferenzas e de aí que xurdise un pouco iniciativa". A asociación que organiza cada ano "Ponte... nas ondas" sinalan que "aínda que a iniciativa está aberta a calquera achega, estamos a traballar naqueles aspectos da tradición oral nos que resultan evidentes os aspectos unitarios ou comúns".

Os aspectos máis semellantes
Deste xeito, e a pesar das múltiples manifestacións comúns da cultura galego-portuguesa, o proxecto céntrase na oralidade vencellada ao ciclo agrario e da natureza, polo alto grado de identidade que existe entre as tradicións deste tipo das dúas bandas da fronteira. Cantigas comúns, ritos, símbolos, mitoloxías, xogos, nomes de elementos naturais e mesmo xeitos de traballo e de organización social fan parte dese legado unitario. Entre outros exemplos desta identidade a organización gravou un vídeo no que se pode ver o grupo galego interpretando a cantiga tradicional "Nosa Señora da Guía" e os portugueses Gaiteiros de Lisboa facendo o mesmo con "Chula da Póvoa", e comprobando que as dúas cantigas teñen exactamente a mesma música. "Esta cultura tradicional común corre perigo de desaparición co paso dunha sociedade agraria a unha industrial", explica Veloso.

As vantaxes
"A guía que ten a UNESCO para as candidaturas estima que deben ser as asociacións de base e os propios portadores do patrimonio os que fagan as propostas de declaración de Obra Mestra", sinala Veloso. Alén diso, o feito de ser unha candidatura transfronteiriza, a segunda deste tipo que se presenta en Europa, dálle un valor engadido á proposta. O perigo de desaparición da cultura tradicional, o feito de estar promovido por unha asociación na que se integran centros que fan parte da propia rede de escolas da UNESCO e o feito ser aínda un patrimonio vivo son factores que apoian a proposta. "Xa o proceso de presentar a candidatura como nós o facemos supón un traballo de transmisión do patrimonio nas escolas. Nestes anos o tema foi levado ás aulas e os alumnos que participan na iniciativa "Ponte... nas ondas" ás dúas beiras do Miño coñeceron oficios tradicionais, contos e historias locais contadas polos seus propios maiores e levaron estes coñecementos ás ondas nas xornada anual de radio que se celebrou o pasado sete de maio.

Actividades
Alén desta xornada radiofónica, o colectivo está a organizar desde hai tres anos a mostra da oralidade galego-portuguesa "queremos darlle visibilidade a esta candidatura, amosar como esa cultura común pode ser contemplada nun teatro", indica Veloso. "Tamén pensamos nunha ferías de oficios tradicionais comúns, ou unha grande manifestación para que se vexa aos ollos do mundo como esta cultura ten unha expresión común clara". Entre os proxectos que barallan está organizar un grande acto en París acompañando a entrega do dossier da candidatura na UNESCO. Nos últimos anos multiplicáronse os apoios oficiais a esta proposta. "A maioría das entidades de Galicia e Portugal xa amosaron o seu apoio, tanto desde a Real Academia Galega coma desde o Consello da Cultura, a Xunta, o Eixo Atlántico, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal ou os Ministerios de Agricultura e de Cultura de Portugal".

Os apoios e o proceso
Faltan no entanto os avais oficiais máis importantes. "Na súa guía, a UNESCO estima que deben ser as asociacións de base e os portadores do patrimonio os que promovan estas iniciativas pero os gobernos deben amosar que se implican na conservación en o compromiso dese patrimonio", explica Santiago Veloso. "Tivemos xa conversas co ministerio de cultura en Lisboa, onde hai todo o interese mais están aínda pendentes do que diga Madrid. En Madrid xa se lle enviou o dossier e temos unha entrevista solicitada coa nova ministra". O tempo para presentar as candidaturas deste ano acaba o trinta de setembro. En maio do ano que ven farase a avaliación final por parte do xurado e agárdase qeu para xuño do ano 2005 se coñeza as lista definitiva das novas Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial Intanxíbel. "Unha proclamación da UNESCO suporía colocar no mundo a nosa cultura común. A UNESCO promovería esta cultura en todo o mundo e sería un atractivo máis para os visitantes que veñen a Galicia e a Portugal", explica Veloso, "sería un escaparate permanente en todo o mundo para a nosa cultura". Quedan aínda doce meses de agarda, pero boa parte do camiño está xa andada.
Proposta da candidatura á UNESCO da tradición oral galego-portuguesa.
Proposta para a promoción da candidatura da tradición oral galaico-portuguesa a Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial Intanxible da UNESCO. Fonte: Ponte... nas ondas