A revista Andaina cumpre 20 anos escribindo sobre o pensamento feminista

Un camiño con vinte anos

A revista Andaina está de aniversario. Logo de vinte anos moitas das reivindicacións do pensamento feminista coas que naceu a publicación cambiaron de cariz. Estreouse cun acabado de elixir goberno socialista, cumpriron a súa maioría de idade coa dereita no poder pero, namentres, os “temas” seguiron sendo os mesmos: violencia de xénero, datos de elevadas taxas de abortos, discriminación laboral.... toda unha andaina.

Non foi até finais dos setenta, unha vez finalizado o franquismo, cando comezou a agromar no estado o pensamento feminista. Abandeirado por revistas nacidas ao abeiro de grupos feministas cataláns, comezaron a espertar pouco a pouco pequenos núcleos que facían as mesmas reivindicacións nas que Francia se iniciara cinco décadas antes.

E nese panorama xurdiu Andaina, co obxectivo de “dar voz ao Movemento Feminista de Galicia e a todas as mulleres que queiran colaborar ou utilizar estas páxinas para expoñer as súas ideas e proxectos”. Eran as palabras que iniciaban o número cero, en xaneiro de 1983, e con el o camiño e a traxectoria de Andaina.

O difícil que é nacer
Ninguén esperaba que o camiño fose fácil. A concepción sobre a familia tradicional do franquismo, no que a figura da muller como esposa e nai fiel estaba moi enraizada no pensamento e na sociedade e por iso, desde o Consello de Redacción de Andaina sabíase que o camiño ía ser complexo.

“Somos conscientes que sacar aquí e hoxe unha revista feminista é ir a contracorrente de realidade”, dicía ese editorial do número cero, no que defendían a súa proposta ao considerar que “había que levantar a voz para denunciar a situación da muller, ninguén o fará por nós. E menos nestas circunstancias”. E estas circunstancias non eran outras que a violencia de xénero, a discriminación laboral... tantos e tantos temas sobre os que invitaron a escribir, “ben individualmente ou como grupos de AA.VV., sindicatos, organizacións xuvenís...” e a todas aquelas entidades que fosen susceptibles de iniciar un proxecto de cambio social e que levase implícito a liberación da muller.

O camiñar até o presente
E nese camiñar abordáronse temas da realidade cotiá galega como o caso das coarenta e sete mulleres despedidas da empresa MAR, que participaron activamente en manifestacións na defensa do seu posto de traballo naquel 1983; na denuncia da situación laboral das xornalistas galegas (que recuperan vinte anos máis tarde con outra reportaxe); coas súas reivindicacións á lei do aborto – que dous anos despois, no 1985, e cun grande estruendo mediático foi modificado e establecendo uns supostos nos que o aborto non sería punible; e todo iso sen esquecerse de cada oito de marzo (día internacional da muller).

E en vinte anos, os temas seguiron sendo os mesmos, a violencia contra as mulleres, a discriminación laboral, a desigualdade na representación en cargos públicos e privados, no reparto das cargas domésticas.... Temas que, segundo figura na revista “primeiro se institucionalizaron e logo tamén se profesionalizaron” denunciado a progresiva aparición en programas de campaña que non sempre serviron para acadar unha maior efectividade e solución aos problemas.


Ano 20
“A criatura fíxose grande, vestiuse de moza con novos formatos e novas colaboracións e, por non ser menos que o resto, ate se fixo un oco na rede dixital” Con estas palabras o editorial de Andaina resume algúns dos principais cambios que sufriu a revista nos seus vinte anos; os cambios de deseño e de formato e a aparición dunha publicación electrónica que recollese algunhas das novidades do papel. Un camiñar, unha andaina que non foi doada e que foi posible gracias ás colaboracións de todas aquelas persoas que se foron adherindo ao movemento e que foron poñendo por escrito as súas ideas.

Andaina non quixo deixar pasar a oportunidade de celebrar esta data. E fíxoo o pasado mes de decembro cunha exposición de portadas e carteis de Andaina e con dúas xornadas con especialistas en materia de feminismo, literatura e publicidade para festexar o aniversario da revista e con el, a evolución do tratamento duns temas que nunca pasan de moda.