Mural de Mon Devane en Vigo. Fotografía de Antonina Wróbel
Rosalía de Castro, personaxes castrexas, figuras locais ou elementos naturais. Estas son algunhas das claves identitarias que se atopan no panorama do muralismo galego. A proliferación deste tipo de creacións na nosa xeografía ao longo dos últimos anos está a xerar un panorama no que colle peso este tipo de elementos pero que se enfronta tamén a procesos de turistificación e de espectacularización. A tese doutoral da investigadora polaca Antonina Wróbel pon o foco nestas e noutras cuestións da arte mural.
Os murais que adornan edificacións por vilas e cidades de todo o país están a se converter nos últimos anos en elementos habituais na paisaxe galega. Promovidas moi a miúdo por administracións locais e inseridas en festivais de arte urbana, estas pezas están a incluír, en moitos casos, referencias á identidade galega nos seus contidos. A tendencia chamou a atención de Antonina Wróbel, investigadora da Universidade Jagellónica de Cracovia, en Polonia, que apostou por facer a súa tese doutoral sobre esta cuestión. O pasado mes de novembro presentaba un avance das súas investigacións nun encontro en liña promovido pola Asociación Internacional de Estudos Galegos. O seu traballo chama a atención sobre a importancia que a arte mural está a acadar na nosa sociedade, pero advirte tamén das eivas que acompañan o actual modelo que a sostén.
O fenómeno galego
A propia multiplicación de murais e o modelo de festivais que promoven moitas destas creacións aparece como unha singularidade do noso país. "Algo significativo está a acontecer en Galicia", explica Wróbel. "Isto pódese comprobar se ollamos a plataforma Street Art Cities", que recolle obras deste tipo en todo o mundo. "Non é unha fonte científica pero pode servir para dar unha perspectiva. Se nos movemos por moitos lugares, en España ou mesmo aquí en Polonia, podemos atopar algún festival dedicado a isto en determinadas zonas ou comunidades, pero o que acontece en Galicia é un fenómeno moi grande, con moitos festivais, moi diversos e que teñen temáticas moi diferentes, en ocasións moi específicas". Deste xeito, cabería pensar no muralismo como un potencial elemento de identidade galega por si mesmo. Dentro desta auxe, apunta ademais a importante pegada deste fenómeno no medio rural "noutros lugares tamén se dá, pero seguramente non en cantidades tan grandes, en Galicia case hai un mural en cada aldea", unha cuestión que a investigadora vencella co modelo de promoción desta arte no país.
Pegadas de identidade
Malia a que no panorama actual desta arte as tendencias "xorden máis do contexto internacional. As persoas que o practican en moitos casos mesturan esa base cunha identidade galega, pero centrada no que significa ser galego ou galega hoxe", asegura a investigadora. "En Galicia temos moitos muralistas, tamén mulleres, que fan unha referencia moi forte" a cuestións identitarias. "Hai xente que traballa con temas moi específicos, como os animais, os dereitos das mulleres ou a familia, pero case sempre inclúen algunha pequena vinculación coa realidade do país". Advirte, a indicar que non en todos os casos este vínculo é evidente. "A falar cos artistas quizais non o vexamos visualmente. Peri Helio, por exemplo, traballa co tema do labirinto e di que unha das súas inspiracións é o Camiño de Santiago. Non é algo que sexa visible na súa obra, pero está aí como unha inspiración do contexto. E isto acontece en moitos casos".
A conexión histórica
Para alén da explosión recente, a investigadora lembra a existencia dunha destacada tradición muralística do noso país coa que conectan a nivel temático moitas propostas actuais. "Os muralistas de hoxe falan moito de temas galegos, como os do pasado", asegura. "Xa Castelao fixo moitos murais a tocar a temática galega, e na xeración dos Novos había moi bos creadores" neste campo, a destacar en particular o traballo de Luís Seoane, tanto en Galicia como en Arxentina. "Neses traballos xa atopamos referencias ao diferente que é Galiza, a temas sociais, á figura da muller, á pesca ou á vida rural, ou representacións de como se diferencia o país do resto de España"
A natureza é galega
A analizar os preto de 300 pezas que recolleu no seu traballo de campo no noso país, Wróbel apunta que "a maioría dos murais de tema galego fan referencia á natureza. Na parte Atlántica hai unha especial presenza da temática marítima, que tamén está presente noutras cidades máis do interior". Nese sentido, a referencia identitaria "non remite tanto ao contexto local senón ao galego". O paisaxismo "a nivel histórico sempre foi unha representación da alma galega. Por unha banda, funcionou como unha forma de amosar o fermoso que era o país, pero tamén o diferente que resultaba fronte ao resto de España". Malia á continuidade na presenza deste elemento, a investigadora advirte que "hoxe temos moitos proxectos que tentan desromantizar a natureza e poñela en valor doutros xeitos. Doa Oa, co seu proxecto Reforestando, retrata o que se consideran malas herbas en cada lugar. Ademais, investiga e divulga nas rúas redes sociais todos os nomes con que se coñece cada planta, ás veces con palabras moi particulares dunha zona. Con isto promove o coñecemento da diversidade das plantas que temos e non aposta por facer da natureza un pano de fondo romántico". Canda a este "Tamén está presente en moitos traballos o vínculo co ecoloxismo e a loita polo medio". Así, lembra que "en Ordes hai un de Mutante Creativo que fai referencia a un personaxe celta, con referencias mitolóxicas, pero que ao tempo é unha homenaxe a unha asociación local que loita polo medio ambiente. É moi interesante como se utiliza esta capa histórica para actualizar a identidade e promover o ecoloxismo".
A muller como Galicia
Canda a este tema, no muralismo galego "temos a presenza da muller, non só a falar do matriarcado, senón a retratar moitos rostros e historias de mulleres", explica esta doutoranda. A isto súmase que "en Galicia hai varios festivais que son case totalmente para artistas mulleres, e en Ferrol a aposta do festival As Meninas de Canido por esta figura dá moita variedade de rostros de mulleres" nas obras que se realizan. Pola contra, no panorama dos murais no país "hai moi poucas obras que representen a masculinidade", de todas as imaxes que analizou "vin quizais catro ou cinco que representan un home, é un contraste brutal. O tema da muller resulta moi nutritivo para as artistas e os artistas de hoxe, fan moitas referencias a el pero tráeno ao presente".
O local faise galego
Non faltan as referencias á identidade local en moitas destas obras, co retrato de personaxes populares ou iconas de cada lugar. "En Vigo, por exemplo, temos o mural dun mariñeiro sentado nunha cadeira cun peixe sentado, un personaxe bastante típico da zona. Desde onde se ve, pódese ver tamén o porto. Moitos artistas pensan moito no contexto no que crean a súa obra, o que a fai máis interesante". "En Lugo", á súa vez, "vese unha vertente coa promoción da cultura romana e castrexa. Hai xente do Concello que fala de equilibrar a representación das dúas, logo dun tempo no que a segunda quedara algo oculta. E á hora de facer os murais, vese que hai quen representa a cultura romana a través do masculino e a castrexa mediante o feminino. Paréceme un tema moi potente para debater". En xeral "co retrato de personaxes, xérase un debate moi interesante", en particular coas pezas que elaboran autores de fóra dunha localidade. "Á xente que non coñece o contexto galego cústalle crear unha obra tan relacionada coa historia dunha cidade ou dunha cultura, entón tocan cuestións internacionais ou temas lles gustan. Pola contra, os galegos tenden a apostar máis por temas identitarios. Hai narrativas e enfoques moi diferentes, mesmo con temas semellantes". Neste sentido "moitos creadores están moi interesados ??en que se organicen estadías máis longas para artistas internacionais, de xeito que poidan coñecer o contexto e xerar obras cun contido máis potente ou arraigado na contorna", explica.
As superavoas e Rosalía
Un dos casos que integra a representación de mulleres coa aposta por personaxes locais nos murais "é o de Yoseba MP que, na súa serie Superavoas, vai ás aldeas, coñece ás mulleres que vai retratar e fai delas personaxes. Iso está moi ligado aos temas que lle interesan e á vertente máis política que ten". Nestes traballos "as mulleres galegas non se presentan como vítimas senón como heroínas, a valorar o traballo que fixeron, o que supón un cambio de paradigma". Noutras obras e artistas "temos representacións das bruxas, que tamén están presentes como parte da identidade galega, pero que normalmente se traen ao presente, nun contexto de cómic ou anime que lles gusta aos artistas. Tamén se repiten moito Rosalía de Castro e outros escritores, aínda que ás veces só se usa o seu rostro, non tanto para afondar nas súas figuras, senón para promocionar algo, porque son figuras moi coñecidas".
A identidade na arte
Con independencia da sua temática, a propia presenza destas obras de arte na paisaxe urbana contribúe a xerar identidades locais, de barrio ou mesmo indivivudais. "A obra artística xera identidade destoutra forma. Cando pensamos en murais, pensamos en embelecer e non tanto en como a xente comeza a ter relacións próximas e emocionais coa obra, transmitíndoa coma se fose algo moi familiar", explica Wróbel. En Vigo foi moi famoso o caso dunha obra de Lula Goce, que se eliminou pola construción dun edificio. "Pintouno a retratar o seu fillo e a unha prima. Cando fixen enquisas na zona, a veciñanza falaba moito da desaparición do mural", que se constituíra como unha referencia na paisaxe diaria. "Moitas veces as autoridades non pensan nisto. Ao igual que outras cousas que desaparecen nas cidades, a destrución dos murais xera tamén esa sensación de perda" en moitas persoas. "Se imos investir en arte, sería bo ter en conta neste aspecto".
O feísmo detrás do mural
Á hora de entendermos o xeito no que estes riscos se incorporaron ao muralismo galego "debemos ter en conta o xa mítico feísmo arquitectónico. Moitos festivais están organizados por autoridades, e en moitos casos, a idea xorde para combatir o feísmo a través da arte e embelecer o espazo. Ao abeiro disto, moita xente valora esta arte e gústalle. Logo pódese debater se a arte debe servir a este tipo de fins", cuestiona a investigadora. Esta propia tendencia explica en boa medida a especial presenza que ten o muralismo no ámbito rural galego. "Os murais comezaron a pintarse en zonas onde o feísmo tiña moita pegada. Impulsouse esta política de mellora do rural e de protección da paisaxe da man de moitos políticos, e as artistas comezaron a pintar murais alí. Foi despois que a tendencia se estendeu ás cidades, iso é algo moi particular de Galicia. Na miña opinión, o muralismo como tal en Galicia comezou con forza nos espazos rurais". Para alén de mencionar eventos que constitúen referentes históricos neste campo como As Meninas de Canido (Ferrol), o DesOrdes Creativas (Ordes) ou o Rexenera Fest (Carballo), Wróbel apunta casos curiosos como o de Lugo. "Nun momento dado tiñan dous festivais", Culturban e Urban Cores, apoiados por diferentes concellerías dun goberno bipartito. "Era un tema bastante politizado, que non pasaba noutras cidades, e os murais ían acompañados dunha placa a indicar que parte do concello o promoveu". Canda a este "tamén penso que é único o caso de Vigo" co programa Cidade de cor, "porque non falan de street art ou arte urbana, senón de arte pública, o que implica unha narrativa diferente" con isto "buscan cumprir cos gustos da maioría, o que pode fechar a porta a contido máis crítico".
Obras para a foto
Esta promoción pública da arte mural inflúe no tipo de obras que se crean no país. Deste xeito, nos nosos días "os murais úsanse para atraer turistas ou embelecer a cidade. O que ocorre hoxe en día é que cómpre prestar atención ao contido para entender a idea que hai detrás deles", advirte Wróbel. As obras "convértense en postais, algo para sacar unha foto ou mercar unha imaxe e poñer na casa, de xeito que embelecen os nosos fogares ademais dos muros. Pero non lles prestamos moita atención, non afondamos no contexto da obra, non nos interesan os detalles", denuncia. Ao seu ver, na actualidade "producimos moitos murais, e unha boa cantidade destes están un pouco baleiros. En moitos casos só retratan símbolos importantes, pero non fan nada para actualizalos". Como resultado, as pezas "fanse bonitas, para sacar unha foto e engadir cor a un espazo gris que ao final segue ser gris porque tampouco muda tanto. Os murais non deberían servir para este propósito de embelecer", conclúe.
Sen complicacións
Deste xeito, no actual ecosistema do muralismo téndese a evitar obras especialmente conflitivas. "Os artistas dicían que cando presentan os seus proxectos, mesmo en festivais, atopan unha certa presión para non tocar temas delicados", recoñece Wróbel, un fenómeno que se dá "ata nalgúns festivais que teñen artistas locais moi involucrados no proceso", cun modelo menos dependente das institucións. "Mesmo así, o contido segue a estar moi controlado, só hai uns poucos que non solicitan bosquexos previos da obra a realizar". Este método de traballo "é un filtro que funciona en moitos eventos hoxe en día para saber que dirección vai tomar o artista, aínda que despois cando chega ás veces muda o proxecto".
O futuro dos murais
Precisamente de cara a evitar a destrución destas pezas, nos últimos anos comeza a aparecer a cuestión do mantemento e a restauración dos murais. "Coa choiva e o clima galego, cómpre ter isto en conta" xa que os elementos contribúen a deteriorar os pigmentos que conforman estas obras, advirte a investigadora. "Agora o sector está moito máis profesionalizado. Os materiais que empregan os artistas teñen unha vida útil de 15 anos para conservar a obra e manter a súa cor", lembra. Na sua opinión, "o mantemento dos murais é importante, non creo que deba ser arte efémera, e hai casos nos que mesmo se teñen repintado pezas" para que continúen en bo estado. Fronte a estes, "tamén vemos que hai moitos murais que xa non teñen cor, e moita xente coa que falei en Lugo, Ordes ou Vigo xa non quere que se fagan máis porque, co tempo, o espazo volve quedar feo". Deste xeito, "se non fai mantemento non se soluciona o feísmo" contra o que en moitos casos se promoveu a peza.
O futuro recoñecemento dos murais
Coa súa tese pendente de se presentar, posiblemente neste 2026, Antonina Wróbel advirte da falta de estudos sobre esta forma de arte. "Cando revisei o material académico, faltaba moito. Non temos traballos que o traten cientificamente, falta unha recompilación de datos que aborde a orixe deste fenómeno. Hai xente que lembra aínda eses comezos e existen algúns traballos que citan entrevistas, pero non temos dispoñibles, por exemplo, esas entrevistas para tirar máis información delas", aínda que apunta que hai outras teses en marcha a abordar esta forma de creación. Lamenta tamén o escaso interese polo muralismo histórico galego. "Non temos salas onde falen disto, que fai parte da historia. Practicamente só aparece en exposicións temporais. Cómpre valoralo un pouco máis, fálase moito máis de Seoane na Arxentina do que en Galicia".
Cuestións pendentes
Dentro dos estudos pendentes neste campo "o caso rural paréceme moi importante, ao igual que ver como se organizan os festivais nestes espazos e en ámbitos urbanos". Canda a isto "outra cuestión na que temos que pensar moito, dado o turística que se está a facer Galicia, é o papel do muralismo. Non é algo menor, temos moitos murais en moitas zonas, e debemos que ver se isto pode influír na turistificación deses espazos". En xeral "existen temas interesantes para investigar e hai marxe para seguir investigándoas". A nivel creativo, non ten clara que continúe a proliferación de murais que vivimos nos últimos anos. "Moitos artistas comentan que pensan que isto xa está rematando. En Galicia chegamos a un punto de ruptura porque acabamos producindo estes murais baleiros", advirte.
Galería de murais galegos









