Un catálogo dos murais que existen nas paredes de Santiago de Compostela. Esta é a proposta de Muralismo en Compostela, a publicación que o Concello, co apoio da Deputación Provincial publicaba este 31 de marzo. A obra, que recolle 46 pezas, xeolocaliza cada un destes elementos e inclúe ademais información sobre a súa autoría e temática. A maiores, un espazo web permite percorrer a cidade a seguir estas creacións artísticas.
Segundo indica a cámara municipal, a intención é ir actualizando a publicación, que xa está dispoñible na rede, a medida que se incorporen novos murais ao patrimonio local. Con esta iniciativa ponse en valor o traballo que se ten desenvolvido en diferentes citas dedicadas a esta arte na cidade como Delas Fest, Elas Tamén Pintan ou Compostela Contemporánea.



