Noel Miguélez e Sergio Meijide
O divulgador Noel Miguélez adéntrase nas complexas tendencias da música neste 2025. "Nunca houbo tanta creatividade nin tanta capacidade de conectar co público e, ao mesmo tempo, poucas veces o contexto industrial foi tan agresivo", explica. Mentres, Sergio Meijide pregúntase polas dúas grandes tendencias da arte en Galicia neste ano, por unha banda "as prácticas normativizadas polas institucións fortes no eido da arte" e pola outra "a creación emerxente que alumea distintas historias e intensidades posibles", e que poderían dar dúas crónicas no canto dunha.
2025: Entre o colectivo e o macrocapital
Noel "Turbulencias"
O ano 2025 deixa unha fotografía estimulante da música galega, a pesar do que se agocha nas sombras da imaxe. Nunca houbo tanta creatividade nin tanta capacidade de conectar co público; e, ao mesmo tempo, poucas veces o contexto industrial foi tan agresivo, tan condicionado por dinámicas macroeconómicas alleas a cultura.
A saúde musical é incuestionable. Galicia conta hoxe cunha serie de proxectos que funcionan como verdadeiras locomotoras, capaces de dialogar co presente sen renunciar á identidade nin á lingua. Tanxugueiras, Fillas de Cassandra ou The Rapants, que encaran o 2026 con novos traballos discográficos en plena xestación, exemplifican un momento no que o galego convértese nunha ferramenta creativa normalizadora, contemporánea e compartida. Non falamos só de éxitos puntuais, senón dun ecosistema cheo de sinerxías que se retroalimentan entre si, facendo destes anos pospandémicos unha auténtica era dourada da música feita en galego.
Porén, esta boa saúde convive cun risco evidente: a endogamia. A presenza da música galega nos grandes festivais repítese demasiadas veces arredor dos mesmos nomes, convertendo a diversidade nunha cuestión de cupos e non de aposta real. Non é unha crítica ás bandas —que fan o seu camiño con mérito— senón ás dinámicas de programación, que a miúdo pechan portas a novas propostas e consolidan un relato cómodo, pouco permeable ao relevo xeracional.
Este problema agrávase no ámbito dos macroeventos/macrofestivais, cada vez máis en mans de fondos de investimento, abrindo preguntas incómodas sobre o uso dos cartos públicos para estruturas privadas cunha lóxica extractiva, máis aínda cando falamos de capitais vinculados a intereses xeopolíticos relacionados, entre outras cousas, co xenocidio de Gaza. A cultura non pode funcionar como un espazo neutro onde todo vale.
Fronte a este escenario, o colectivo segue a ser unha alternativa real: festivais pequenos, ciclos autoxestionados, asociacións culturais e proxectos de base demostran que outras vías son posibles, máis próximas e sostibles. Lonxe do romanticismo, trátase de entender a cultura como espazo de encontro, compatible cunha profesionalización dun sector galego que hoxe está máis organizado e forte ca nunca.
Mirando cara adiante, algo novo tamén se está a mover. Con permiso de ascensos tan celebrados como o de De Ninghures, ou de traxectorias xa plenamente consolidadas como as de Guadi Galego, Ortiga ou Grande Amore, están a xurdir propostas que rompen códigos, linguaxes e dinámicas, especialmente no ámbito urbano, abrindo unha vía de renovación que merece atención, tempo e espazos. Nomes como 9Louro, xmaseda65 ou Kid Mount emerxen con forza nesta nova xeración.
O reto da música galega non pasa por medrar máis, senón por medrar mellor. Por decidir que modelo cultural queremos construír e a quen queremos que pertenza. O futuro da nosa música non se xoga só nos grandes escenarios, senón tamén —e sobre todo— nas decisións colectivas que tomamos hoxe.
Noel Miguélez, tamén coñecido como Noel "Turbulencias" é biólogo de formación e educador de profesión. Activo divulgador musical que leva máis dunha década compartindo a súa paixón pola música desde múltiples frontes. É autor do libro Galicia MusiCalidade: Unha terra feita de acordes. No ámbito radiofónico, é coñecido por ser a voz do programa Turbulencias en CUAC FM, programa de referencia para descubrir novas bandas e tendencias. Ademais, colabora con diferentes medios escritos e plataformas musicais, ofrecendo artigos e reflexións sobre a creación e a industria musical galega. Foi un dos xurados do Primeiro Premios da Industria Musical galega en 2025.
Normativos e emerxentes
Sergio Meijide
Ofrecer unha panorámica precisa do que foi o 2025 para a arte en Galicia non é tarefa sinxela, pero penso que unha boa pauta de interpretación pode atoparse na exposición encargada de dar o pistoletazo de saída ao ano: Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia, comisariada por Germán Labrador para o Auditorio de Galicia. A relevancia desta mostra é dobre: por unha banda, presentou un relato alternativo á historia da arte e da cultura que se vén construíndo dende hai décadas; pola outra, fíxoo nun espazo que leva tempo servindo el mesmo de alternativa aos lugares habituais da arte, como museos e fundacións. Tomando esta mostra como referencia, cabe pensar na posibilidade de facer dúas crónicas no canto dunha soa: unha reflexión sobre as prácticas normativizadas polas institucións fortes no eido da arte en Galicia e outra sobre a creación emerxente que alumea distintas historias e intensidades posibles.
Atendendo á primeira, o gran evento do 2025 foi a recuperación da Bienal de Pontevedra quince anos despois da súa última edición. O título presentaba os seus problemas: "volver a ser humanos" nos tempos do poshumanismo soaba raro, máis aínda cando a masacre que ten lugar en Palestina –e que foi recollida na mostra– evidencia que a humanidade e a cultura non son necesariamente ferramentas de reflexión crítica, senón tamén instrumentos ao servizo da colonización e a desposesión. Malia todo, a bienal superou o seu récord histórico de asistencia, demostrando que aínda hai interese e curiosidade polas artes contemporáneas.
Nos principais museos e fundacións a cousa foi bastante irregular, e o mellor exemplo é a Fundación Luis Seoane, da que é máis fácil recordar o escándalo relativo ao concurso para renovar a dirección –e que tivo como último episodio a dimisión da alcaldesa da Coruña como presidenta da Fundación– que a valiosa exposición dedicada a Guillermo Monroy. Con todo, tamén hai pequenas notas de cor nun panorama sombrío: no CGAC é destacable a mostra Arquivar para coidar(nos), derivada do taller O Forno da Amara, e no MARCO a dedicada á asociación Érguete. Do Castelao 3D da Cidade da Cultura é mellor non dicir nada. Tampouco da enésima exposición da Fundación Marta Ortega.
Alén destes espazos están os que ofrecen unha perspectiva diferente sobre a situación da arte e da cultura: a Zona C de Compostela acaba de inaugurar Acumulacións dun presente moi pasado –de Ana Moure Rosende e o colectivo La cuarta piel–, a Casa das Artes de Vigo presentou a notable Pulsos e solastalxias (do monte galego) e incluso as universidades parecen estar collendo o ritmo coas relevantes Fío do norte (UDC, espazo NORMAL) e Ficcións especulativas (USC, Colexio de Fonseca).
En conclusión: a situación non é a mellor, pero a recuperación da bienal de Pontevedra –que terá continuidade no 2027– mostra un certo interese institucional pola creación artística, e as intensidades que abrollan noutros espazos son esperanzadoras de cara ao futuro inmediato. O panorama é crítico e só apoiando e financiando as iniciativas culturais pode transformarse un ecosistema que aínda dista moito do desexable.
Sergio Meijide Casas (A Coruña, 1996), é doutor en Historia da Arte pola USC, onde investigou o campo da estética e a teoría da arte. Gañou o VII Premio CGAC de investigación e ensaio co traballo 'Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas da arte do século XXI)'. Ademais, publicou en revistas de alto impacto, foi comisario de varias exposicións, participou en numerosos congresos internacionais e realizou estadías de investigación en Francia, Inglaterra e Portugal. Tamén é co-editor de 'Ruínas y descampados. Contra-historia del paisaje 1' (Abada, 2024) e colabora co departamento de Arquitectura do Centre Pompidou de París.