Moda burbulla

A Coruña acolle esta fin de semana o Daisy Market, o encontro de moda emerxente e urbana

A crise económica non está reñida coa creatividade. E iso é o que pretenden demostrar desde o Daisy Market, un showroom de moda urbana e emerxente que se celebra esta fin de semana na Coruña. “Moitos deseñadores, moitos proxectos e unha forma de entender as tendencias desde a vestimenta, complementos e mobiliario” explica Ana Montes, coordinadora deste proxecto que cumpre dúas edicións achegando as últimas tendencias e o máis arriscado da moda.

“Buscamos todo aquilo que é factible de verse na rúa, que marca tendencia, que é arriscado e que sae do mainstreaming e, canda isto, buscamos xente que está sacando as súas primeiras coleccións e que veñan presentalo aquí” explica Ana Montes, xerente de Expocoruña (recinto no que se desenvolve o proxecto) e responsable deste encontro. Do venres ao domingo poderán verse creacións inspiradas no deseño gráfico, na customización, en materiais e soportes que van desde o vinilo ata as sedas tradicionais pero que lle serven para plasmar as súas ideas. Son preto de cincuenta deseñadores seleccionados en feiras de Europa e de toda España, que ofrecerán e venderán en directo as súas coleccións. E entre as súas propostas hai desde complementos (as galegas Yo_oy, a portuguesa Wonderland 4U, ou a andaluza Volando Voy), xoias (Xoia d´Aldhir,) roupa para todas as idades, (Akemarropa, Chiquitas, Síndrome Creativo…) ou Mobiliario (Galicia Sostenible ou Oitenta) todo co denominador común de ser propostas moi innovadoras e emerxentes. De maneira paralela aos Showroom, o Daisy Market conta con obradoiros (de tocados, de crochet, de estampación de selos ilustrados, de xoiería, da técnica xaponesa para envolver agasallos como é o furoshiki…. ), unha exposición de crochet (labor de gancho) e concertos (Patricia Moon, Single e Robots in Disguise). Ambientación moderna e urbana.

Un sector cambiante
Sen esquecer que o Daisy está organizado por un recindo de ámbito empresarial e que no seu propio nome ten a etiqueta de mercado, hai unha importante parte de negocio no que se citarán creativos con empresarios, distribuidores e nos que a Internet é unha das palabras claves. Ignacio Cortina, profesor na escola de deseño Goymar, estará presente no apartado de conferencias cunhaponencia titulada Fashion Industry 2.0.O futuro xa comezou na que falará dun cambio de tendencia. “A globalización instaurou un novo escenario que produce cambios tanto no rol do consumidor como no proceso creativo” apunta Cortina. O mundo da creatividade en xeral e o da moda en particular vanse enfrontar a “apaixoantes desafíos no que a Internet mudou as regras de xogo incorporando á partida da industria novos hábitos de estilo que son capaces de xerar tendencias como redes sociais, blogs…” explica Cortina. Non se trata só de comprar en rede, senón de que a partir da rede se crean tendencias que acaban na rúa. Canda isto, no programa do Daisy destaca un obradoiro para crear unha tenda en rede, que axudará aos novos valores a coñecer os requisitos xurídicos e técnicos para empezar a vender en rede, así como o software dispoñible e coñecer, en vivo e en director, unha tenda en liña.

O daisy busca espazo
Cando o Bread&Butter deixou Barcelona para volver a Berlín, España quedou sen ter un territorio para este tipo de creación. Foi entón cando desde Expocoruña botaron a andar este proxecto que segue algunhas das premisas do que quere ser este recinto “innovación, tendencia e deseño”, en palabras de Ana Montes. Con só dúas edicións, o Daisy conta con abondosos patrocinadores que, xunto coa cota dos deseñadores, sufragan os 200.000 euros que custa un evento destas características. “De momento, os nosos obxectivos pasan por consolidar o proxecto, unha vez que iso esté feito ao mellor pensamos en facer dúas edicións ao ano. Pero iso será despois” afirma a xerente de Expocoruña.

Akemarropa

Akemarropa

Amaya F. Blanco

Amaya F. Blanco

Charrie by Charrie

Charrie by Charrie

Tanya Cid

Tanya Cid

Sara Colleman

Sara Colleman

Itzel

Itzel

Ligazóns