O 2025 desde o miradoiro (1)

Pilar Abade e Lois Alcayde analizan o ano desde a perspectiva do audiovisual e o ensaio

22/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaAudiovisual
180 lecturas | Compartido 0 veces

Pilar Abades e Lois Alcayde

Comezamos as valoracións sobre o que deu de si o 2025 na cultura galega. Desta volta, Pilar Abades, produtora e creadora na cooperativa Illa Bufarda e na actualidade vicepresidenta de CREA (Asociación galega de profesionais da dirección e realización) analiza a diversidade de propostas para un "audiovisual en expansión". Da súa banda, o xornalista e escritor Lois Alcayde detense na diversidade do ensaio na colleita deste 2025 e demanda unha maior variedade nas análisis do ensaio máis político.

Un audiovisual en expansión
Pilar Abades

Vimos de atravesar un ano convulso onde os valores e dereitos máis básicos están en risco. Neste contexto social e político as artes visuais supoñen un refuxio onde o pensamento crítico pode construír novos imaxinarios colectivos. Ante esta premisa, que contou e cara onde mirou o audiovisual galego neste último ano?

Dende un plano xeral observamos un audiovisual onde a multiplicidade de miradas autorais e íntimas hibridan con outras disciplinas e dialogan nos límites da metalinguaxe. Exemplo disto é Nayan, o ensaio fílmico de Carla Andrade no que a artista reflexiona sobre a dimensión poética da percepción e da visión. Se viaxamos da paisaxe chilena que explora Carla, ao deserto de Sirât de Oliver Laxe ata o mar das Azores no Ariel de Lois Patiño podemos ver que o transcendente nestes filmes é a experiencia dos personaxes, esa travesía-loita que as historias despregan ante unha realidade que por veces confunde e golpea ao público. Observamos, quizais, unha liña existencialista e conceptual nas nosas creacións.

Axuntando todos estes títulos, dilucidamos un vaivén de miradas sobre un territorio en expansión e que acontece moito máis alá das súas fronteiras. Os de aquí van fóra rodar e as de fóra chegan aquí, coma o caso da catalá Carla Simón para a realización do seu filme Romería.

Outros filmes, rescatan a memoria como Antes de Nós dirixida por Ángeles Huerta, San Simón de Miguel Ángel Delgado ou Deuses de pedra de Iván Castiñeiras. Tamén son memoria, pero da íntima e privada, outras pezas como a curtametraxe O Corpo de Cristo de Bea Lema, que leva á pantalla o seu cómic gañador do Premio Nacional; ou o documental O Silencio Herdado de Lucía Dapena.

A finais de 2025 chegou As liñas discontinuas de Anxos Fazáns, unha ficción onde a conexión humana transcorre entre unha muller e un home trans. As curtametraxes Algo novo que contar de Paula Pereira, Boca de Asno de Carlos Calvar Tomé ou Alboroque de Sabrina Fernández Casas tamén reflexionan sobre a identidade, o sistema e o territorio.

Recollendo todas as producións citadas, coa consciencia en todas as que faltan, podemos responder á pregunta inicial. O noso audiovisual fálanos de pertenza, de memoria histórica, da familia, de identidade, de diversidade, dos vínculos, das viaxes, da perda… Ofrécenos historias que profundan no emocional, que miran para dentro ou cara atrás e deixan unha porta aberta cara un futuro que se esvaece ao ritmo de música electrónica.

E máis alá do innegable triunfo de Sirât, facendo historia ás portas dos Óscar; o noso audiovisual tamén pode presumir de ter festivais consolidados, laboratorios que fomentan o talento e de ir construíndo de seu un tecido asociativo forte para "colectivarnos" a prol dos nosos dereitos e en contra da privatización das canles de difusión públicas. Tamén para seguir exixíndonos unha responsabilidade creadora para coa lingua, a cultura e as disidencias.


Pilar Abades comeza a súa traxectoria profesional en 2009 logo de ter rematado os seus estudos en fotografía e audiovisuais. Primeiro como investigadora e curadora de exposicións no Arquivo Pacheco de Vigo, logo como fotógrafa freelance e dende 2019 como produtora e creadora na cooperativa Illa Bufarda. Neste último ano, asina xunto con Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, o seu último filme ensaio chamado Altas luces, unha reflexión sobre a mirada, o desexo e a fotografía con perspectiva de xénero. Recentemente vén de ingresar como vicepresidenta na directiva de CREA, Asociación galega de profesionais da dirección e realización poñendo en valor o traballo colectivo e os movementos sociais como motores de cambio.




A calma chicha
Lois Alcayde

O pensamento escrito galego en 2025 amosa dúas realidades claras. A primeira é a continuidade dunha variedade temática xa asentada desde os anos 2000, con especial presenza da memoria, o ensaio literario e os estudos feministas. Neste marco publícanse títulos como Tiro libre, de Julio Torrado, sobre a experiencia parlamentaria en diálogo co mundo deportivo; Literatura insólita, de Armando Requeixo, sobre os camiños da literatura universal; As tolas que non o eran, de Carmen V. Valiña, sobre as mulleres internas no Hospital Psiquiátrico de Conxo (estes tres títulos, de Galaxia); Devoción, de Pablo D’Ors na tradución de Fe González (Gutenberg), junha delicia metafísica do encontro con Deus; ou As guerras, do profesor Bermejo (Laiovento), sobre a retórica bélica e o xeito no que abordamos a historia. Son só uns pouquísimos títulos do moito interesante que saíu.

Porén, malia efemérides centrais como o 35 aniversario do pasamento de Ramón Piñeiro ou os 50 anos do falecemento de Ramón Otero Pedrayo en 2026, o ensaio galego continúa cunha eiva, que é a súa segunda realidade: a de carecer dunha análise política verdadeiramente bidireccional, de intercambio real, sobor da construción da Galicia contemporánea. Se ben temos de todas as partes no eido do pensamento, bótase en falta unha parte en concreto que explique a súa abordaxe política. No caso de Piñeiro, en 2025 só destacan a novela Terra de sacrificio, de Suso de Toro (Xerais); o ensaio filosófico Ramón Piñeiro. Filosofía da saudade, de Rocío Carolo (CRPIH, Xunta de Galicia); e, como excepción, O pensamento político de Ramón Piñeiro, de Serxio María Rodríguez (Galaxia, 2024), é dos poucos títulos que aborda con claridade o seu legado ideolóxico e, suliño, político.

Unha ausencia semellante ocorre coa figura do vilalbés Fraga Iribarne: o ensaio sobre o seu pensamento conservador foi publicado en Madrid, en castelán, sen resposta equivalente en galego desde a intelectualidade conservadora propia, nun contraste evidente co amplo tratamento cultural do recén 75 cabodano de Alfonso Castelao, no que a pluralidade de voces atopou consenso na celebración da efeméride.

Esta situación suxire non tanto unha aparente animadversión ás previas figuras citadas como si un desinterese ou apatía pola divulgación da súa construción ideolóxica. Salvo excepcións neste ano como o delicioso O pequeno é possível, como o tamanho define o futuro de uma nação, do profesor Bastos (Através Editora), a chamada “batalla das ideas”, o debate político real onde ambas partes deixan pegada, semella hoxe máis viva na prensa galega ca no seu ensaio.

O recén inaugurado “Ano Otero Pedrayo” preséntase así como unha oportunidade para unha lectura máis plural: non só a que xa coñecemos do intelectual académico e o Trasalba simbólico, senón tamén a do Otero provocador e ideoloxicamente orixinal, capaz de afirmar Galicia como “o primeiro reino cristián” de Occidente. Aí é onde se bate o dente.

Lois Alcayde Dans (A Coruña, 1997) é escritor, xornalista e investigador. Autor premiado en poesía e narrativa, con obras publicadas en Editorial Galaxia e presenza en antoloxías e revistas literarias, colaborou con institucións como o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG). Foi redactor nos informativos da TVG e colabora en Faro da Cultura (Faro de Vigo), na revista ECO e na radio. Doutorando na Universidade de Santiago de Compostela, investiga no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

2025 desde o miradoiro

Ver serie completa
20/01/2026

Os 10+1 da cultura galega en 2025

Desde as cantareiras ata as grandes retrospectivas de clásicos da arte

Universo culturagalega.gal

29/12/2022

O 2022 desde o miradoiro (1)

Beli Martínez, Pilar Sampedro e Ana Abad repasan os fitos do ano no audiovisual, a literatura e o teatro