Os 10+1 da cultura galega en 2025

Desde as cantareiras ata as grandes retrospectivas de clásicos da arte

82 lecturas | Compartido 0 veces

Espectáculo da compañía Pistacatro

O ano 2025 definiuse pola intensidade e a diversidade das propostas, e numerosas iniciativas de posta en valor e actualización de iconas clásicas da cultura galega, desde as cantareiras do Día das Letras ata as grandes figuras da cultura galega do século XX, como Castelao, a quen estivo dedicado o ano, ata os grandes artistas, como Asorey, Sotomayor ou Díaz Pardo. Foi tamén un ano de recoñecementos internacionais para os creadores galegos. Neste 10+1 repasamos os principais fitos do ano.
1. Achegar a Castelao
A conmemoración do Ano Castelao, a coincidir cos 75 anos do falecemento do histórico galeguista, marcou ao longo dos meses a axenda cultural e puxo o foco na súa figura desde as máis diversas perspectivas. Cun maior peso nas propostas divulgativas do que nas novas achegas sobre o persoeiro, arredor desta celebración se desenvolveron homenaxes, obras de teatro, podcasts, exposicións didácticas como a da Cidade da Cultura e diferentes publicacións que coincidiron na vontade de achegar o legado do rianxeiro á sociedade actual.

2. Pórlles nome ás cantareiras
O Día das Letras dedicado ás cantareiras conseguiu, tal e como recoñeceu a RAG, "unha acollida extraordinaria", con múltiples iniciativas sociais arredor deste patrimonio quer rebordaron as habituais celebracións institucionais. A visibilidade outorgada a estas mulleres conseguiu afianzar as súas figuras como transmisoras da tradición oral e reivindicou os nomes propios fronte á idea dun coñecemento que se transmite de xeito anónimo. No debe, múltiples voces salientaron a necesidade de incrementar as investigacións e o coidado deste legado, que continúa a ocupar un espazo periférico no sistema cultural máis académico.

3. A industria musical organiza os seus premios
A finais de novembro celebrábase un novo certame vinculado ao momento de auxe que está a vivir o sector musical en Galicia. A sala Capitol de Santiago acollía a entrega dos I Premios da Industria Musical, convocados pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM). Os premios ficaron moi repartidos por toda a industria, co festival Surfing the Lérez de Pontevedra como mellor evento cultural / musical e o premio de excelencia na expeiencia do público.

4. Recoñecementos á calidade da creación escénica
A calidade das artes escénicas galegas foi de novo recoñecida no ámbito español. Deste xeito, a compañía Pistacatro acadou en outubro o Premio Nacional de Circo 2025 pola súa “destacada labor na creación e difusión de propostas circenses dunha enorme presenza escénica, rigor e carisma”. Á súa vez, Janet Novás recibiu no mesmo mes o Premio Nacional de Danza na modalidade de interpretación pola “excelencia técnica e o gran magnetismo dos seus traballos”. Tamén o actor Luís Tosar foi galardoado en decembro coa medalla de Ouro das Belas Artes.

5. Dous novos equipamentos culturais para dinamizar os espazos urbanos
En xullo anunciouse que a fundación AISGE (Artistas intérpretes, Sociedad de Gestión de España) adquiriu a sala Yago co obxectivo de transformala nun centro cultural. O operación saldouse cun valor de preto de 1’8 millóns de euros e puña punto e final ás demandas de recuperación deste inmoble compostelán en estado ruinoso. AISGE confía en rematar as obras en 2027 e converter a sala Yago en “punto de referencia cultural para exposicións, espectáculos, eventos e actividades formativas”. A rehabilitación do Teatro Fraga en Vigo contará cun investimento total de 20,8 millóns de euros, achegados pola Xunta de Galicia e a deputación de Pontevedra. Está previsto licitar as obras a mediados do 2026. O Teatro Fraga xa conta con liñas estratéxicas definidas. A Xunta quere convertelo no “epicentro da innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

6. Sirât convértese na película do ano en Galicia
O filme Sirât, dirixido por Óliver Laxe, converteuse na produción audiovisual máis comentada do ano en Galicia e no ámbito do Estado. Competiu na sección oficial do festival de Cannes, representará a España nos Óscar e foi candidata nos globos de Ouro, conta con once candidaturas nos premios Goya e acadou cinco galardóns nos premios de cinema europeo.

7. De CRTVG a CSAG
O Parlamento de Galicia aprobou a lei para aprobou en marzo a lei substituír a antiga Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) por unha nova Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). O cambio, que veu acompañado de polémica política e mediática, vai máis alá dun cambio de nomenclatura, sobre todo no sistema de elección da dirección xeral e no emprego doutros linguas por parte do ente para difusión de contidos destinados ao exterior da comunidade autónoma.

8. Galaxia celebra o seu 75 aniversario
Non é habitual que unha empresa cultural galega celebre 75 anos, pero a editorial Galaxia fíxoo cunha considerable programación que puña en valor a dilatada historia da empresa, constituída polos galeguistas en 1950 como primeiro foco de resistencia cultural nun franquismo que aínda tiña recente a Guerra civil. Desde a exposición crear porvir 75º aniversario, sobre a historia da editorial, ata o premio Galaxia de novela 75 anos, o de maior dotación de Galicia con 25.000 euros, que gañou Fernando Castro Paredes con O lanzador de coitelos ou os Foros Grial de reflexión e actualidade sobre sociedade, economía, territorio, ciencia ou historia.

9. Un tempo para revisar os clásicos
O 2025 foi un tempo de importantes exposicións retrospectivas sobre grandes figuras da arte galega. Agora en xaneiro pechou a exposición “Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960)”, na Fundación Barrié, que repasaba a traxectoria artística dun dos grandes pintores do costumismo galego. O Gaiás repasou a monumental obra do escultor Asorey en “Francisco Asorey, unha recuperación necesaria”, e que reuniu máis dun cento de pezas do artista. O Museo de Belas Artes da coruña apostou por amosar a obra de Isaac Díaz Pardo a través da mostra “A barca de Caronte”, comisariada polo propio fillo do artista, Xosé Díaz. Foron 150 pezas de Díaz Pardo canda outros artistas. Co gallo do Día da Ilustración, celebráronse dúas exposicións sobre Xosé Vizoso. No Pazo de san Marcos, en Lugo, a Deputación promoveu “Universo Vizoso”, ao redor da conexión entre o artista e a provincia de Lugo. A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura acolleu tamén a mostra retrospectiva “Xosé Vizoso – O neno que debuxou un cabalo” . Vizoso deixaríanos tamén este ano.

10. Dúas sentidas mortes na música
O 2025 tróuxonos tamén dúas mortes inagardadas. Piti Sanz, un dos máis prolíficos intérpretes e compositores das artes escénicas e audiovisuais galegas, morreu en maio. Sanz fora o autor de bandas sonoras de importantes filmes das últimas décadas e recibira tres premios Mestre Mateo polo seu labor profesional. Tamén foi moi sentida a morte do harpista Emilio Cao no mesmo mes, en maio. Cao, unha figura esencial para entender a música na Galicia da Transición, recibira en 2024 un galardón honorífico por parte da profesión musical do país nos Premios Martín Códax da Música Galega. Cao recuperara a harpa celta para a tradición musical galega e o seu disco Fonte do Araño, de 1977, marcou a nova música galega ao final do franquismo.

10+1=11. A lingua, no debate
Os datos negativos do uso da lingua provocaron todo tipo de dinámicas e mobilizacións ao longo do ano. O Consello da Cultura Galega constituíu en xaneiro o Foro participativo “Un país coa súa lingua”, que mantivo diferentes xuntanzas sectoriais ao longo do ano e que propuxo 96 medidas “a prol do galego”. Entrementres, a Consellería de Cultura fixo do incremento de fondos para a normalización a bandeira dos novos orzamentos. A situación da lingua é un eixo central da nova presidencia da RAG. A entidade escolleu en abril a Henrique Monteagudo como sucesor de Víctor F. Freixanes. Pero houbo máis mobilizacións sociais. A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega remitiron ao Comité de Dereitos da Organización das Nacións Unidas un informe que denuncia “os incumprimentos de acordos internacionais en relación aos dereitos lingüísticos por parte do Estado español e, nomeadamente, da Xunta de Galicia”. A plataforma Queremos Galego presentou en xullo o proceso Lingua Vital para “conseguir avances na normalización da lingua”. En novembro tamén naceu en Donostia o Consello de Linguas Cooficiais do Estado, un organismo estatal de seguimento en materia de política lingüística no ámbito estatal.


Universo culturagalega.gal