Malpica acolle o simposio sobre as cantareiras polo Día das Letras Galegas

A RAG ponlle o ramo á celebración co encontro As cantareiras e a poesía popular oral este 22 de novembro

A Real Academia Galega (RAG) ponlle o ramo ás celebracións do Día das Letras Galegas dedicado á poesía popular. Malpica, localidade natal de Eva Castiñeira, unha das homenaxeadas no último 17 de maio, acolle o día 22 de novembro o simposio As cantareiras e a poesía popular oral, co que a RAG quere afondar na tradición recoñecida neste 2025.

A presentar este encontro, Antón Santamarina, coordinador canda a María López-Sández e Víctor F. Freixanes, destacou o éxito da homenaxe centrada nas cantareiras a sinalar que "nunca unha celebración das Letras Galegas, e son testemuña das cincuenta e dúas edicións, tivo unha resposta popular como a deste 2025".

Xulia Feixoo, que abordará as "perspectivas etnomusicolóxicas sobre as ensinanzas da cantareiras galegas" abrirá as sesións, que continuarán cunha intervención de Sergio de la Ossa encol dos cancioneiros populares. A isto seguirá unha mesa redonda na que Xulia Feixoo, Domingo Blanco e Branca Villares, con moderación de Antón Santamarina, falarán sobre a tradición desde o xénero e a clase. Durante a tarde Manuel Rico Verea ofrecerá unha ollada á edición dos cancioneiros populares, seguido por outra mesa na que Xabier Díaz, Richi Casás e Isabel Vigo farán balance destas Letras Galegas e reflexionarán sobre as perspectivas de futuro da tradición, nun diálogo que dirixirá a académica Ana Boullón.

De xeito paralelo, a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s organiza o día 23 o seu VII Encontro de Tradición en Feminino. Betanzos acolle esta celebración na que Noemi Basanta presentará unha análise sobre os nomes de preto de 500 agrupacións de pandeireteiras do noso país. Noa Ínsua Amigo, pola súa banda, afondará na popular cantiga A saia da Carolina e Adrián Méndez e Ricardo Polín presentarán cadansúa publicación sobre cegas cantoras tradicionais. A sesión finalizará cun recital de María López Carballo a percorrer a vida e obra de Lucía da Conceição Fernándes, A Cega do Covelo.