O Museo do Pobo leva 586 cantos ao Teatro Colón

O espectáculo de música tradicional poderá verse tamén en Malpica o 17 de novembro

O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado 16 de novembro o espectáculo 586 cantos. Esta proposta, producida polo Museo do Pobo Galego a través da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, combina audiovisual e música quere "pór en valor a tradición e sabedoría que nos legaron as portadoras e transmisoras da nosa poesía popular oral, futuras homenaxeadas nas Letras Galegas 2025, así como os arquivos que albergan o patrimonio inmaterial galego".

O Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth en colaboración con Antón Santamarina serve de eixe para este proxecto, que combina o audiovisual de Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, con músicas tradicionais da man de Richi Casás. Canda a el, que leva anos a investigar este traballo, estarán tamén Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal na parte musical. A actuación fai parte do ciclo Músicas Posíbeis. A entrada ao espectáculo é de balde previa reserva.

A produción poderá verse no día a seguir en Malpica, no marco da programación do Outono das Artes da Deputación da Coruña, no auditorio do Centro Cívico.