
A exposición, que poderá visitarse no claustro alto do Museo até o 28 de setembro, toma como fío condutor a cadea de transmisión da oralidade e a poesía oral, tanto nos modelos de transmisión directa de xeración en xeración, como nos mediados a través dos cancioneiros, desde as primeiras compilacións até a transición e a democracia, pasando polas recollas realizadas polo Seminario de Estudos Galegos e a compilación de músicas de tradición oral durante a ditadura. Un percorrido expositivo que achega tamén ao público a situación da poesía oral a día de hoxe.
Segundo explicou a técnica do APOI do Museo do Pobo Galego, Isabel Vigo, durante a presentación onte da programación, o traballo comezou coa investigación dos cancioneiros que forman parte dos fondos bibliográficos da institución, procedéndose ao "baleirado de todos os nomes de informantes e recompiladoras nomeadas neses arquivos". Unha ollada con perspectiva de xénero que constata o determinante papel das mulleres na creación, preservación e difusión dese saber inmaterial. Ademais dos fondos pertencentes á biblioteca do Museo, analizáronse os arquivos de Alan Lomax e das Misións Folclóricas do CSIC (1954-1960), por seren fontes de acceso público anteriores á creación do APOI do Museo do Pobo Galego. Toda esa información, sumada aos rexistros sonoros e documentais custodiados no arquivo sonoro da institución, foi o punto de partida do traballo expositivo. Un labor que se viu enriquecido coas pescudas realizadas en paralelo a partir dunha trintena de entrevistas a persoas vinculadas coa música de tradición oral galega e que derivaron na cesión temporal ao Museo de pezas e materiais sonoros, fotográficos e de vídeo, así como na realización dunha peza audiovisual de corte documental que fai parte da exposición.
Máis actividades ao redor da transmisión
Alén da exposición 'Cantareiras', o Museo do Pobo Galego desenvolverá ao longo das vindeiras semanas un programa de actividades paralelas para poñer en valor o papel das portadoras e transmisoras da música popular. A primeira destas citas será o vindeiro día 26 de abril coa décimo terceira edición de 'A voltas co baile'. Co título 'Cantar para bailar', será unha xornada para explorar a relación entre estes elementos do noso patrimonio inmaterial e as dinámicas e vínculos que se xeran entre as persoas que tocan e bailan. Adelina Suárez, Lucinda Barcia, María López e Pilar Turnes, mestras cantareiras de Toutón (Mondariz), Ons (Bueu) e Transmonte (Ames) respectivamente, compartirán a súa experiencia sobre as particularidades, relacións e diferenzas entre os bailes de pandeireta nas súas localidades de orixe.
As propostas culturais continuarán ao longo de toda a primavera e verán, con citas para todos os públicos e idades. A música ao vivo terá un protagonismo esencial con varias propostas destacadas. A primeira delas será o sábado, 14 de xuño, ás 12:30 horas, co concerto das Bouba, o grupo de pandeireteiras integrado por María, Carme e Uxía da Pontragha e Maca do Pinheiro, que traerán o seu traballo Termando os Marcos ao Xardín do Claustro. Xa no mes de xullo, o domingo 6, terá lugar a visita cantada pola colección permanente do Museo do Pobo Galego e con remate na exposición Cantareiras coas pandeireteiras Hadri e Jenni Felpete. O 13 de setembro, o xardín do claustro acollerá o concerto das pandeireteiras Raigañas de Cerqueda, un grupo integrado por Olaya García, Susana Suárez, Rosario Álvarez, Sofía Vila, Helena Fernández, Raquel Uxía Varela, Ana Abelenda, Andrea Souto, Carme Álvarez, Uxía Corral, Mar Suárez, Icía Varela e Sonia Reborido. O 27 de setembro, o espectáculo audiovisual 586 cantos porá o broche final á programación do Museo do Pobo Galego para homenaxear as cantareiras.
Conversas ao redor dos arquivos
No listado de actividades, haberá tamén espazo para o coloquio, con varias citas programadas. O 7 de maio, o filólogo Antón Santamarina impartirá unha conferencia organizada pola Agrupación Cultural O Galo sobre o Cancioneiro Popular Galego, do que é coautor, en colaboración co Museo do Pobo Galego.
O 15 de maio, ás 19 horas, Faia Díaz compartirá coas persoas asistentes o proceso creativo do seu novo traballo discográfico a partir do arquivo, nunha conversa titulada Alvela. Do arquivo ao disco.
Ademais, coincidindo co propio Día das Letras Galegas, como depositario de importantes fondos patrimoniais sobre as creadoras e transmisoras da poesía popular oral, o Museo do Pobo Galego acollerá a gravación do programa de radio La riproposta de RNE.