A Cidade da Cultura acolle Da árbore á cadeira

A mostra estará aberta ata o 5 de novembro de 2017

A Cidade da Cultura acolle desde hoxe e ata o 5 de novembro de 2017 a mostra Da árbore á cadeira, comisariada polo arquitecto Carlos Seoane. Trátase dunha "viaxe emocional da materia ao produto, da madeira ao mobiliario doméstico". A mostra, dividida en dúas grandes áreas, a árbore e a cadeira, recolle a "riqueza ambiental dos bosques, a tradición dos oficios vinculados ás artes da madeira e ao deseño contemporáneo do moble". Na mostra participan fotógrafos como Manuel Vilariño, Vari Caramés, Xosé Caruncho, Juan de la Sota ou Juan Rodríguez; grandes artistas plásticos como Castelao, Seoane, Maside e figuras contemporáneas como Pamen Pereira ou Jorge Perianes. Nunha segunda etapa deste percorrido, a exposición ofrece unha viaxe polo deseño desde os pioneiros (Isaac Díaz Pardo, Alejandro e Jesús de la Sota e Xosé Bar Bóo) ate os contemporáneos, entre os que se atopan moitos dos grandes arquitectos e deseñadores galegos, como Manuel Gallego Jorreto, Irisarri e Piñera, Noguerol e Díaz, Iago Seara, Carlos Quintás, Creus e Carrasco, Tomás Alonso, Elías Cueto, Lucía Buceta ou Iñaki Leite.