O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento impulsa a recuperación da obra de Manuel Chicharro, pioneiro da fotografía en Galicia

Chicharro: Do sepia ao pixel

Os comezos da fotografía en Galicia son aínda un campo pouco coñecido. Artesáns que se foron instalando en diferentes cidades e deixaron un legado de imaxes que a día de hoxe atópanse, en moitos casos, perdidas ou pendentes dunha catalogación. Nos últimos anos, no entanto, están a xurdir iniciativas para recompilar este traballo, coma a que desenvolveu o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento co arquivo do compostelán Manuel Chicharro.



........Tema suxerido por unha lectora........


A finais do século XIX comezou a implantación profesional da fotografía en Galicia. Uns poucos pioneiros, que aprenderan o oficio comezando desde abaixo nos estudos dos primeiros fotógrafos que se instalaran no país (normalmente vidos de fóra), comezaban a independizarse dos seus mestres e a montar os seus propios negocios nas vilas e cidades do país. Os retratos de familias e de personaxes da burguesía eran a principal fonte de ingresos destes artesáns, que a miúdo realizaban tamén actividades tan dispares coma o retrato pictórico ou a venda de material sanitario. Un destes galegos pioneiros no manexo das cámaras foi Manuel Chicharro, que a partir dos anos oitenta do século XIX fíxose un nome no negocio da fotografía en Galicia.

O traballo
Desde que en 1877 abriu o seu propio estudo até 1924, en que Chicharro faleceu e os seus fillos se fixeron cargo do negocio, o fotógrafo reuniu unha impresionante colección de placas de cristal, que foi o soporte maioritario da fotografía até os comezos do século XX. Alén dos retratos, Chicharro foi un dos fotógrafos que en Galicia abriu o campo de acción desta arte reproducindo paisaxes, bodegóns ou edificios de relevancia arquitectónica fóra do seu estudo. Retratos da chegada do tren a Compostela mestúranse con imaxes cotiás da Ría de Arousa ou da cidade da Coruña nas placas que se conservan. Os seus traballos valéronlle premios na Exposición Universal de París de 1889 ou a de Filadelfia de 1876.

O arquivo
A práctica totalidade desta colección, arredor mil trescentas placas, consérvanse actualmente no arquivo do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Ante os problemas de conservación que presenta este material, con imaxes que se degradan facilmente ou a posíbel aparición de mofos, a institución decidiu proceder á súa dixitalización e difusión. Segundo sinala Isam Darwiche, encargado do proceso "a maior parte das fotos, sobre todo das placas que se conservan no arquivo son de Chicharro". Aínda que no arquivo existen orixinais doutros fotógrafos da época, é a colección deste fotógrafo santiagués a que se encontra mellor estruturada. Alén diso, segundo Darwiche, Chicharro caracterizouse entre os seus contemporáneos porque "tiña unha técnica moi depurada, especialmente a hora de retratar elementos arquitectónicos". Alén das fotografías que realizaba no exterior, Chicharro realizou abondosas encargas comerciais para a Igrexa. Deste xeito fotografou un grande número de pezas do museo da Catedral, incluíndo a totalidade do Códice Calixtino. En 1884 publicou o portafolio "Compostela Monumental", que contiña diferentes fotografías da cidade acompañadas dun texto do historiador Bernardo Barreiro, sendo esta a primeira obra deste tipo que se publicaba en Galicia.

O proceso de dixitalización
Para realizar o proceso de dixitalización, que comezou no ano 2000 e durou dous anos, no Instituto Padre Sarmiento optouse por empregar a fotografía dixital, xa que o escaneado directo pode estragar os materiais. O primeiro paso deste proceso foi a limpeza das placas, tanto polo reverso como pola cara pola que está a emulsión química que permite a fixación da foto. Deste xeito, nunha cámara en total escuridade fotografáronse unha a unha as placas orixinais, iluminadas desde atrás para conseguir unha maior definición. Despois de procesalas informaticamente, reuníronse e clasificáronse estes arquivos, mentres os negativos orixinais se conservan en instalacións especiais que illan o material totalmente da humidade, da luz e das mudanzas de temperatura que poidan afectar ás placas.

O valor de Chicharro
Unha vez acabada a catalogación, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento puxo en marcha a mostra "Manuel Chicharro Bissi. Pioneiro da Fotografía", que se desenvolveu entre o seis e o vinteoito de novembro na sede do Instituto en Compostela. Alén da Galicia da época que retratou Chicharro, os visitantes tamén podían coñecer aspectos biográficos do fotógrafo, que estivo moi implicado na sociedade santiaguesa da época. Deste xeito, foi membro da Real Sociedade Económica de Amigos do País, e colaborador da revista satírica Café con gotas. Alén diso, en 1891, foi elexido concelleiro pola candidatura de Montero Ríos. Segundo sinala Darwiche, "Chicharro estaba bastante esquecido, e con este labor téntase, para alén de recuperar o arquivo en si dar a coñecer o seu papel no desenvolvemento da fotografía en Galicia". O proceso de recuperación continúa, e o fotógrafo compostelán está tamén presente na exposición "Historia da Fotografía de Galicia do Século XIX" que se pode ver até o vindeiro once de xaneiro en Compostela con algunhas das súas imaxes.

Futuro fotográfico
En breve o Instituto Padre Sarmiento porá a disposición do público na súa biblioteca varios CD-Roms nos que os interesados poderán consultar a totalidade da obra dixitalizada deste autor. O material tamén estará dispoñíbel a través do web do centro, e de cara ao futuro non se descarta a publicación dun libro que recompile este material. Alén de Chicharro, desde o Padre Sarmiento queren continuar a dixitalización do seu arquivo fotográfico, que comprende, alén de orixinais de distintas épocas (moitos deles recollidos antes de 1936 polos voluntarios do antigo Seminario de Estudos Galegos), revistas e libros nos que se pode comprobar como era a Galicia de comezos de século e como a ollaban os fotógrafos da época.