
Este primeiro recital reunirá dúas voces que escriben as tensións entre o íntimo e o compartido sabendo que o corpo pode ser tanto vínculo como conflito. A ucraína Halyna Kruk (Lviv, 1974) unha premiada poeta, narradora, tradutora e investigadora que, desde o seu debut en 1997, publicou sete libros de poesía, un volume de relatos e catro libros para público infantil. Foi recoñecida con numerosos galardóns dentro e fóra da Ucraína, entre eles o nomeamento como finalista do Premio de Poesía Griffin 2024 e do PEN America 2025, así como o Premio Sundara Ramaswamy, o Women in Art Prize 2023, o premio da Fundación Kovaliv 2022 e o premio ao mellor libro do BookForum 2021, entre outros. Por outra banda, a escritora e xornalista compostelá Marga Tojo cultiva a poesía, o ensaio e, máis recentemente, tamén a narrativa. Como xornalista colaborou en medios como Nós Diario, Galicia Hoxe, Público, Altermundo, Revista Luzes ou Praza. A súa produción literaria comeza coa poesía, marcada pola consciencia de clase e de xénero e pola súa linguaxe espida e directa. 'Últimos bruídos' (2016) foi un dos seus primeiros poemarios: unha ollada sobre o común, a política social e a conciencia crítica. Con 'Cara de velocidade' (2018) poemario premiado co Premio Internacional Cidade de Orihuela para nenos e nenas achegou os seus versos ao público infantil e familiar. En 2021 publicou 'Arder', poemario no que reaparece a forza crítica e lírica sobre temas como o corpo, o territorio, o social e as tensións entre o persoal e o político.