Descobren en Armea o trilobite máis antigo atopado en contexto romano

Puido ser empregado como amuleto protector

Puido ser empregado como amuleto protector
Recreación dos posibles usos do trilobite. Imaxe: equipo de investigación
O castro de Armea continúa a dar sorpresas. Desta vez, un equipo liderado polo director da intervención, Adolfo Fernández, acaba de publicar o achado dun fósil de trilobite no castro de Armea. Este fósil "representa o primeiro trilobite confirmado en uso en época romana e o terceiro no rexistro arqueolóxico global en ser collido e usado pola xente hai máis de mil anos", segundo explican os investigadores no último número da revista Archaeological and Anthropological Scientes.

O descubrimento fíxose na campaña arqueolóxica de 2021 nunha estancia empregada como basureiro das vivendas romanas do castro de Armea, entre outros 4.000 obxectos recuperados na mesma unidade estatigráfica, sobre todo cerámicos. En función do contexto arqueolóxico do achado e outros materiais atopados ao carón, como unha moeda de Octavio Augusto, os investigadores consideran que este uso cultural do fósil debeu corresponder aos séculos I e II d.C. O poboado romano de Armea foi abandonado por causas descoñecidas no século III.

A investigación apunta a que o trilobites procedería da área do Sistema Central ou do sistema ibérico, ben na súa área occidental en Badaxoz ou en Ciudad Real, a uns 500 quilómetros do poboado ourensán. O exame en detalle do fósil delata que ten unha serie de sete desgastes que revelan que orixinalmente foi encaixado nalgún tipo de soporte como un brazalete de coiro ou un colgante. "O trilobite descuberto na Armea romana é un exemplo paradigmático de como un simple obxecto recuperado nun contexto arqueolóxico pode facer avanzar significativamente o noso coñecemento en varios aspectos da antigüidade", explican os investigadores. "O trilobite revela que os romanos xa recoñecían a existencia de animais ancestrais no subsolo e que eses obxectos tiñan un gran valor como sagrado e calidades protectoras". O achado fíxose nunha casa coñecida como a domus do Hexasquel, unha residencia con adro, patio, dúas prantas, áreas de produción vitícola e espazos sociais. "O trilobite puido ser parte do santuario familiar, funcionando como ofrenda votiva ou obxecto protector para o fogar e a familia, ou ben que puidera ser levado por unha persoa da familia", adiantan. Os arqueólogos suxiren que noutros casos este tipo de amuletos eran sobre todo portados por mulleres e nenos.

Os investigadores non deixan de sinalar "unha simple pero paradóxica coincidencia histórica: "o trilobite de Armea foi atopado xunto cunha moeda de bronce de Augusto, que foi un gran coleccionista de fósiles e fundou o primeiro museo paleontolóxico coñecido".