Ao principio dun rexistro sonoro que non é doado de escoitar un home berra "Alborada por el gaitero de Valdeorras", e segue cunha frase inaudible. Estamos a escoitar o primeiro rexistro sonoro conservado dunha gaita galega, e foi gravado entre 1897 e 1900 no gabinete fonográfico de Álvaro Ureña. É unha das pezas que hoxe difunde o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega no web desta institución. Son parte dos fondos do experto en patrimonio Carlos Martín Ballester, que dispón do maior arquivo musical de España entre o período 1895-1960 e que presentou estes achados na xornada "O fonógrafo e as demostracións públicas en España (1877-1895): a vía galega, celebrada o pasado mes de febreiro no CCG". Canda esta Alborada, os usuarios poden escoitar a peza Muiñeira de Blanca del Carmen, gravada ao redor de 1900, a primeira voz feminina cantando en galego localizada ata agora. Nesta entrega pódense escoitar tamén outras dúas curiosidades: dúas pezas gravadas polo cantante Antonio Pozo "El Mochuelo", Tango del Ferrol (gravada entre 1898 e 1901) e Tangos-Farruca (entre 1900 e 1903).
O misterioso gaiteiro de Valdeorras que inaugura as gravacións de música galega
O CCG presenta catro documentos sonoros de finais do século XIX e principios do XX
