A Festa dos Libros de Pontevedra homenaxea a Yolanda Castaño

O Festival Literario de Allariz enfoca na tradución a súa cuarta xeira

Este 4 de xullo abren as súas portas dúas citas destacadas do panorama literario do noso país. Ata o día 5 celébrase a cuarta xeira do Festival Literario de Allariz (FLAZ), mentres Pontevedra acolle a súa Festa dos Libros ata o día 6 nunha edición na que homenaxea a poeta Yolanda Castaño co recoñecemento á traxectoria destacada no campo das letras.

Un cento de autoras e autores, con nomes como Silvia Intxaurrondo, Arantza Portabales, Yolanda Castaño, Pedro Feijoo, Cristina Pato, Ulises Bértolo, Francisco Castro, Eva Mejuto ou Manuel Lourenzo participan neste encontro no que colaboran trece librarías da cidade con postos propios. O programa inclúe unha xornada dedicada ás cantareiras, protagonistas do Día das Letras Galegas de 2025, cun diálogo no que participarán Eva Mejuto, Andrea Nunes, Carlos Callón, Manuel Rico e Antón Santamarina, ademais de Maite Casas.

A sección Enfiando lecturas, dedicada a novas voces, contará con presentacións a cargo de Samuel Merino, Xosé de Cea, Laura Romero e María Besteiros, mentres o espazo Íntimos reunirá a Cynthia Menéndez, Cristina Pato e Francisco Castro. Un encontro arredor do xénero negro xuntará á súa vez a Arantza Portabales, Ulises Bértolo e Pedro Feijoo.

Entre os encontros que se desenvolverán na cita destaca unha mesa de Dinamización Lectora, na que participarán a bookstagramer galega Mónica Cores, Luz Pérez, do podcast Entreliñas, Samuel L. París, creador do videopodcast literario A Catapulta, e Pilar Fernández Ruíz, directora da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra.

FLAZ
O Festival Literario de Allariz (FLAZ) centra esta xeira do encontro na tradución. Un diálogo sobre "Literatura e loita de clases" entre Garazi Albizua e Miquel Martín i Serra abre un programa no que tamén se poderá asistir á mesa "A tradución literaria como resistencia fronte ao automatismo" con María Alonso Seisdedos e Isaac Xubín. Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro protagonizan na tarde do día 5 un encontro sobre "O estilo literario na idade de ouro da trama", e fecha o programa o debate "Pontes e canles: Escrita, tradución e mercado literario" coa participación de todas a persoas convidadas.

A proposta complétase cunha feira de editoras na que se desenvolverán diferentes presentacións e encontros sobre as diferentes posibilidades de publicación dunha obra, a colaboración entre pequenas firmas do sector ou unha mesa redonda sobre edición no país. A libraría Aira das Letras e o Concello de Allariz coordinan esta iniciativa.