A Fundación Rosalía elixe a María Reimóndez para súa residencia literaria en Inglaterra

No intercambio a autora británica Fiona Sampson levará a cabo o seu proxecto en Padrón

María Reimóndez  Foto: Eds. Xerais
María Reimóndez Foto: Eds. Xerais
A escritora María Reimóndez vén de acadar a primeira residencia literaria que convoca a Fundación Rosalía en intercambio con Inglaterra en colaboración coa autora británica Fiona Sampson e a Lower Brinsop Writers House en Hereford (Inglaterra) arredor do poeta metafísico inglés Thomas Traherne e Rosalía de Castro. O xurado, formado polos escritores Chus Pato, María López Sández e Manuel L. Baleirón, escolleu nunha xuntanza esta mañá o proxecto literario da luguesa para que sexa desenvolvido nesta primeira edición da residencia literaria de intercambio con Inglaterra.

A este intercambio presentáronse once escritores e escritoras. A escritora elixida pasará dúas semanas en Hereford, na Lower Brinsop Writers House, que está a media hora de Hay-on-Wye, onde se celebra o famoso Hay Festival, xusto na fronteira con Gales. Alí, do 10 ao 23 de agosto, traballará no proxecto literario presentado. Do mesmo xeito, a autora británica Fiona Sampson pasará en Padrón o mesmo tempo pulindo a súa vindeira obra. Ela é unha destacada poeta británica, biógrafa literaria e escritora. Antiga violinista profesional, ten un doutoramento en filosofía aplicada da linguaxe e actualmente é investigadora sénior no Harris Manchester College da Universidade de Oxford.

A comisión avaliadora que escolleu a proposta presentada por Reimóndez valorou "o peso dunha traxectoria consolidada e un proxecto literario sólido, concreto e maduro". Efectivamente, a escritora luguesa ten unha extensa obra, sobre todo en narrativa, tanto para adultos coma para cativos, pero tamén en poesía e ensaio. Acadou tamén varios premios literarios como o Xerais de novela, o Xohana torres de Ensaio, ou o Jules Verne de literatura infantil. Ademais, María Reimóndez é tradutora e intérprete profesional, e publicou unha longa listaxe de traducións ao galego do inglés e do alemán, fundamentalmente. É fundadora tamén da ONG Implicadas no Desenvolvemento.