Conmoción pola inesperada morte de Piti Sanz

O músico falecía aos 58 anos de idade tras unha traxectoria prolífica no eido do teatro e o audiovisual

Piti Sanz
Piti Sanz
A mañá deste venres trouxo unha triste noticia avanzada por El Correo Gallego que conmocionou ao sector cultural ata o punto de facerse dura de crer: a morte do músico Piti Sanz aos 58 anos de idade. O seu nome era Vicente Luís Sanz Muñoz (Huelva, 1966), pero era coñecido como Piti Sanz e foi un dos máis prolíficos compositores e intérpretes musicais para as artes escénicas e o audiovisual galegos. Co máis dunha ducia de obras de teatro musicadas, foi tamén o autor da banda sonora de películas ("Mataharis"), teleseries ("Terra de Miranda"), documentais ("A palabra no tempo") e curtametraxes de directores como Alfonso Zarauza ou Jorge Coira. Ten feito ademais a música para promocións de Internet e videocreacións de danza contemporánea. Confundador dos grupos The Elas con Luís Tosar, Sindicato Agrario e Los Contentos, foi músico en discos de Siniestro Total e Los Enemigos e nos últimos tempos tamén chegou a sacar discos en solitario.

A Academia Galega do Audiovisual comunicou nas súas redes unha mensaxe de pesar: " Lamentamos fondamente o falecemento de Piti Sanz, músico e compositor clave na historia recente da música e o audiovisual galego. O seu talento e compromiso co ámbito cultural deixan unha fonda pegada. Acompañamos no sentimento á súa familia e amizades". Sanz foi finalista nos Premios Chano Piñeiro 2002 e Mestre Mateo 2003, mesmo ano no que gañou (tiña dúas candidaturas) na categoría mellor música orixinal con 'Entre bateas'. Tamén foi finalista nos Premios AGAPI 1999. Nos Premios Mestre Mateo 2008 da Academia Galega do Audiovisual (entregados en 2009) recibiu o galardón de mellor música orixinal por 'A noite que deixou de chover' (Alfonso Zarauza), traballo desenvolvido conxuntamente con Iván Laxe. Un tándem que repetiu nos Premios Mestre Mateo 09 cando recibiron o premio a mellor música orixinal polo seu traballo en 'O Nordés' e de novo en 2011 por '18 comidas'.

No eido escénico Sanz acadou ata tres Premios María Casares, na categoría de mellor música para teatro ou espazo sonoro, nas edicións de 1999 (Finismundi Circus de Mofa e Befa), 2000 (Ñiki Ñake de Ollomoltranvía) e 2001, e foi finalista en varias ocasións a derradeira en 2023 por 'O Auto do Castromil', de Producións Teatráis Excéntricas. Con esta mesma compañía estreou a obra 'Monstros' en 2024 na que facía a música en directo.