
O estudo analiza a situación neste campo a partir dunha enquisa que se realizou a máis dun milleiro de entidades de todos os ámbitos culturais. A partir desta, verificouse que un 73% das entrevistadas contan con produtos ou servizos en galego para o público infantil e adolescente, un sector ao que se dirixe de media o 37,74% da produción que realizan na nosa lingua.
De xeito xeral, un 54,67% da produción cultural destas entidades foi en galego, existindo un 20% que o emprega de xeito exclusivo na súa oferta. A análise verifica diferenzas na aposta pola nosa lingua dos diferentes sectores e axentes, con porcentaxes que van do 63,68% das iniciativas de educación cultural, o 60,58% da música ou o 60,42% de "museos e actividades relacionadas co patrimonio cultural". As entidades públicas, cun 64,11%, e as non lucrativas (54,51%) son as que máis interese amosan pola mesma, fronte ás empresas, que fican nun 27,75%.
Os datos amosan tamén unha tendencia á alza na produción na nosa lingua ao longo dos últimos catro anos nos diferentes sectores, e un 27,9% das entidades enquisadas percibe un incremento da demanda neste sentido. Estes mesmos axentes perciben "unha clara carencia de oferta en galego para o público infantil e adolescente", que se verifica especialmente na dispoñibilidade de videoxogos, onde só un 6,2% das respostas sinalan que hai unha oferta suficiente. O mesmo acontece con xoguetes e xogos de mesa (78,3% sinalan "pouca ou moi pouca oferta"), ciencia e divulgación (75,2%), audiovisual (74,9%), e contidos de redes sociais e Internet (73%).
O informe revela tamén un acordo xeral na necesidade de incrementar a oferta nos diferentes sectores, en particular na música, o sector editorial, as artes escénicas e o audiovisual. Deste xeito, ata un 40% das entidades incrementaría a súa produción en galego para o público sinalado de existir apoios da administracións neste sentido.
Á hora de valorar o tipo de apoio máis eficiente neste sector, o estudo apunta, a partir das respostas colleitadas, que "o fomento do consumo deste produtos nos centros educativos" percíbese como a mellor opción. Séguea contar con máis contidos de lecer dixitais en galego en plataformas e redes sociais, mentres o apoio á produción é tamén considerada unha proposta que pode contribuír a mellorar a situación. Pola contra, as axudas directas á adquisición destes produtos por parte do público percíbese como a medida que menor impacto tería.