Mariña Lestón levará polo litoral a montaxe 'Costa da Morte, Cartografía dun Naufraxio'

O espectáculo coproducido entre Urdime e CDG ten programadas 17 representacións entre xuño e xullo

Diferentes espazos singulares ao longo do litoral de Galicia serán o escenario dunha nova coprodución teatral do Centro Dramático Galego con Urdime que, baixo o título 'Costa da Morte, cartografía dun naufraxio', ten xa programadas 17 representacións entre os meses de xuño e xullo. A creadora Mariña Lestón asina a dramaturxia, dirección e produción desta montaxe, que ela mesma pon en escena para propoñer unha viaxe pola nosa historia marítima a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo. A estrea será o vindeiro 5 de xuño ás 20,30 h. no Centro Cultural da Guarda.

'Costa da Morte, cartografía dun naufraxio' busca poñer en valor o pasado marítimo de Galicia como parte dunha identidade propia, atopándose co público en faros, peiraos, praias e outros lugares de numerosas localidades costeiras no transcurso dunha xira que arrancará o vindeiro 5 de xuño na Guarda e durante a que poderá verse tamén en Ares, Arteixo, Cariño, Cedeira, Fisterra, Foz, Neda, O Grove, O Rosal, Ortigueira, Outes, Ribadeo, Sanxenxo, Soutomaior, Valdoviño e Viveiro. Estes lugares emblemáticos e cargados de historia ofrecen un escenario inmersivo que permitirá conectar o público co pasado a través desta montaxe, na que a música e as imaxes potenciarán tamén unha experiencia sensorial e emocional.

Natural de Fisterra, Mariña Lestón medrou escoitando historias dos naufraxios ocorridos na súa zona, a Costa da Morte, que agroman agora nesta creación co obxectivo de manter viva esta memoria colectiva. A implicación da compañía da Xunta neste proxecto multidisciplinar insírese na súa aposta para achegar o teatro a todo o territorio, seguindo a liña dos obxectivos fixados na Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e como se fixo na campaña desenvolvida o pasado verán xunto a Teatro ó Cubo e o espectáculo 'De Vilatriste a Vilalegre', que percorreu un cento de espazos non convencionais do rural galego.
Ligazóns