Redrum estrea a 'ópera prima' teatral de Roberto Pascual

'Sophie non é o meu nome de guerra' foi o texto gañador do Premio Rafael Dieste

'Sophie non é o meu nome de guerra' foi o texto gañador do Premio Rafael Dieste
Imaxe da montaxe Foto: REDRUM TEATRO
Redrum Teatro estrea este venres 'Sophie non é o meu nome de guerra', obra escrita por Roberto Pascual galardoada en 2021 co Premio Rafael Dieste de textos teatrais que convoca a Deputación da Coruña. A institución provincial financia a produción, cuxa estrea se celebrará ás 20.00 horas deste venres no Teatro Colón da cidade herculina. Redrum conta con Laura Míguez para a dirección desta obra, ópera prima como dramaturgo de Roberto Pascual, investigador teatral, profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da Mostra de Ribadavia entre 2009 e 2024. As actrices Alixa Ladson e Camille Hedouin protagonizan a montaxe. Aínda quedan algunhas entradas, que son gratuítas e se poden retirar dende a web do Teatro Colón ou a través da plataforma Ataquilla.com.

En 'Sophie non é o meu nome de guerra', Redrum Teatro traza dende as táboas unha viaxe emocional e xeográfica entre Camerún e A Coruña. Nela, o público presenciará un duro periplo vital no que a protagonista, Sophie, sofre a violencia da trata de mulleres, das restritivas políticas migratorias europeas e da hostilidade social que agroma nos países de acollida, tanto a que vén dada pola animosidade institucional como pola invisibilidade que arrodea as mulleres migrantes.

Malia toda esta dureza, 'Sophie non é o meu nome de guerra' é un relato que abre as portas á esperanza. Porque a historia de Sophie, que está baseada en feitos reais, é moito máis ca historia dunha vítima, é a historia dunha muller que ama e quere ser amada, divertida vital, que desexa e que procura, como calquera outra persoa -migrante ou non- a oportunidade dun futuro mellor. Ao longo da obra, dividida en doce cadros, coñecemos a orixe da protagonista na súa natal Yaoundé, capital de Camerún, as súas lembranzas da infancia e a riqueza da cultura popular de África antes de achegarnos ao seu éxodo, que a levou por Malí e Alxeria para despois chegar a Melilla, Valencia, Francia e, ao final, á Coruña.

A posta en escena de Redrum ofrecerá unha proposta contemporánea onde os recursos audiovisuais se mesturan con elementos poéticos e co teatro textual. O equipo artístico complétase con Atenea García, axudante de dirección; As dúas e punto, que se encargan da escenografía e mais da iluminación, con Mounqup, proxecto musical da propia Camille Hedouin que asume a creación do espazo sonoro.
Ligazóns