Novas publicacións celebran as cantareiras polo Día das Letras

Unha campaña da Asociación Puntogal busca agradecer o labor das homenaxeadas este 17 de maio

Unha campaña da Asociación Puntogal busca agradecer o labor das homenaxeadas este 17 de maio
Imaxe da campaña de Puntogal pola Letras Galegas
Á beira do 17 de maio, novas publicacións se suman ás homenaxes que reciben as cantareiras polo Día das Letras. Tres libros e unha campaña de difusión afondan no recoñecemento ás mulleres que transmitiron a nosa tradición oral.

Canta ti, cantarei eu. A poesía popular oral: Día das Letras Galegas 2025 é o título da publicación coa que a Universidade de Santiago se suma ás celebracións do dezasete de maio. A académica Ana Boullón coordina este volume que se presentaba ao público na mañá deste 16 de maio e no que se reivindica esta "voz múltiple, de muller, a voz das clases subalternas sempre invisibilizadas que termaron da lingua e que, sen formación académica, souberon crear un imaxinario colectivo, un universo poético que reflicte, con humor e sabedoría, con sensibilidade e retranca, o mundo en que viven, as preocupacións, as angueiras cotiás, o amor, a vida".

O xornal La Voz de Galicia lanza, con ocasión da data, o libro As voces da terra. No volume Patricia Blanco repasa as biografías das mulleres que protagonizan a homenaxe da RAG a través de crónicas, declaracións e entrevistas con expertos e cos familiares das cantareiras que poñen nome á poesía oral.

Pola súa banda, Belagua Editorial presenta en Noia este 16 de maio o libro Galegas na música. Isabel Blanco asina esta obra que propón un percorrido polas biografías de diferentes mulleres vencelladas a esta arte "dende a primeira xoglaresa ata as máis recoñecidas músicas contemporáneas", cun especial interese polo labor de cantareiras e pandereteiras.

A Asociación Puntogal, en colaboración co Museo do Pobo Galego, deu a coñecer a campaña Porque cantaron cantamos. Na mesma, difunden un retrato das mulleres homenaxeadas realizado por Xela García Caballo e presentan un vídeo no que cantareiras actuais realizan unha versión de A saia da Carolina a homenaxear as súas predecesoras e o labor de transmisión que realizaron.