
No relativo á rede autonómica a programación de actividades comprende a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei.
Cabe destacar en Santiago de Compostela a Cidade da Cultura convida o sábado 17 a gozar das súas propostas nun horario fóra do habitual con 'Noite no museo', de maneira que, desde as 20,00 ás 23,00 horas, o público poderá participar nas sesións nocturnas das experiencias inmersivas Galiverso e Orixes, así como dunha visita especial á exposición dedicada a Rafael Úbeda, e todo coa presenza dun Dj e coa degustación de petiscos. Ademais, súmaselle o domingo, ás 12,00 horas, unha visita moi particular á arquitectura do Gaiás no marco do programa 'Outra mirada ao Museo'. No Centro Galego de Arte Contemporánea, tamén en Santiago, tampouco faltan as visitas guiadas, cun percorrido, ás 12,00 horas do domingo 18, polos seus espazos menos visibles. Mentres, durante a fin de semana contarán con obradoiros familiares para a cativada de entre 4 e 9 anos nos que explorarán sobre o traballo dunha serie de artistas de orixe iraniana, e que terán lugar tanto o sábado como o domingo ás 11,00 horas.
Pola súa banda, no Museo das Peregrinacións e de Santiago teñen programados dous obradoiros para o sábado. Un a partir das 10,30 horas, dedicado á construción de pandeiretas e dirixido a maiores de 14 anos, e outro desde as 11,30 horas centrado nunha das facetas, a cerámica, de Isaac Díaz Pardo, homenaxeado este ano polo Día das Artes. Xa no domingo, os maiores de 18 anos poderán achegarse, desde as 11,30 horas, a ler libros con Juan Tallón no encontro Ler comigo, e ás 12,00 horas haberá unha actuación da Agrupación Folklórica Aturuxo nos soportais do centro.
No Museo de Belas Artes, na cidade da Coruña, dedican a xornada dos museos á cativada, co obradoiro 'Máis alá dos lenzos' desde as 12,00 horas, e a dar a coñecer a súa colección permanente con visitas guiadas ás mostras O Barroco e O Rexionalismo. Uns percorridos que se volverán repetir o sábado 24, cando tamén terá lugar no marco da 'Noite dos museos' un concerto do grupo Son de Camagüey, ás 21,30 horas.
O Museo de Pontevedra organiza 'A Ruta do Museo', que consiste en dúas visitas guiadas polos seus edificios e que terán lugar o sábado 17 e o domingo 18 de maio, con saída ás 12 horas desde as Ruínas de San Domingos e cunha duración prevista de hora e media. É necesario previa inscrición. As persoas participantes entrarán nas Ruínas de San Domingos, no Edificio Castelao e no Edificio Sarmiento, ademais de visitar o exterior dos edificios Fernández López, Castro Monteagudo e García Flórez. A Ruta do Museo céntrase na historia dos edificios, na súa importancia na historia da cidade e na evolución dos seus usos ata converterse en parte do Museo de Pontevedra.
En Vigo, o MARCO celebrará o sábado 17 pola mañá, o Día das Letras e o Día dos Museos acollendo a gravación de Efervesciencias, o programa da Radio Galega conducido por Manuel Vicente, e coa participación de persoas expertas no ámbito da divulgación científica. Unha sesión aberta ao público, froito da colaboración entre os equipos de Efervesciencia e do proxecto Lumes [Laboratorio urbano de músicas e enxeñería electrónica], que une o potencial dos avances tecnolóxicos coa innovación e a enerxía da mocidade.
Pola súa banda a Fundación Laxeiro, tamén en Vigo anuncia un programa de visitas guiadas para a celebración do día 18, domingo. Ás 12.15h. haberá unha visita comentada á exposición temporal 'Seis cabezas' de Alejandro Fuertes (Avilés, 1997) a cargo do artista e Javier Pérez Buján, comisario da exposición. Tras diso seguirá outra visita á Colección permanente, a cargo do director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján quen, ademais de facer un percorrido pola traxectoria do artista a través das súas obras, presentará dúas novas incorporacións, dous depósitos temporais procedentes de coleccións particulares.
No marco do Día Internacional dos Museos e dentro da programación da Rede Museística Provincial de Lugo, o día 18 preséntase un evento que é tanto unha celebración como unha reivindicación: 'Aldeáns: Pasarela de traxes tradicionais', unha homenaxe viva ó pobo galego e á súa memoria. Será o 18 de maio, na Fortaleza de San Paio de Narla, e contará con dous pases, ás 18:00 e ás 19:00 horas. A proposta chega da man da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, que pon enriba da pasarela máis de 30 traxes tradicionais galegos, reproducidos con moito coidado a partir das obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, pinturas, gravados e debuxos que nos devolven a mirada dun tempo e dunha xente que aínda