O XXII Festival de Cans aproximase con actos previos

O día 20 dará comezo a programación oficial con numerosas estreas e oferta musical

O día 20 dará comezo a programación oficial con numerosas estreas e oferta musical
presentación da imaxe gráfica e da estrea de 'Antes de nós'. Foto: Festival de Cans
Antes da súa inauguración oficial o vindeiro 20 de maio, a XXIIª edición do Festival de Cans (O Porriño) quenta motores esta fin de semana cunha programación previa que mestura cinema internacional, música galega de raíz e memoria histórica. A primeira gran cita será a proxección da longametraxe Utama (2022), do director boliviano Alejandro Loayza Grisi, a súa obra debú coa que foi premiada en Sundance en 2022. O director presentará esta obra a través de videoconferencia o sábado 17 de maio ás 18:00 h no Centro Cultural do Porriño. Estreada no Festival de Sundance, Utama gañou o Gran Premio do Xurado na World Dramatic Competition e acumulou máis de 40 premios en máis de 80 festivais internacionais. Foi nomeada aos Goya 2023 como Mellor Película Iberoamericana e destacou nos Premios Platino, onde gañou Mellor Música e Mellor Fotografía. Este realizador será o obxecto do Foco Internacional desta edición de Cans, o boliviano estará presente a partires do día 20 e participará tamén nos coloquios Café con Crea.

Outro dos momentos destacados da fin de semana será a inauguración da exposición "Reisiño, o prisioneiro debuxante", comisariada polo historiador Alberto Alcalde, que terá lugar o sábado 17 de maio ás 20:00 h no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Esta mostra rende homenaxe a Alfredo Bautista Alconero, coñecido como "Reisiño", veciño do Porriño, deportista, debuxante e preso político tras o golpe de Estado de 1936. "Reisiño" foi condenado a prisión na illa de San Simón, onde estivo encarcerado, e destacou pola creación de caricaturas dos seus compañeiros presos, testemuñas gráficas da represión e tamén da humanidade que sobreviviu no encerro. Reisiño, ou Señor Rey como era coñecido no Porriño, deixou fonda pegada entre xeracións de deportistas. A exposición recupera parte dos debuxos orixinais que fixo na Illa de San Simón e lembra o seu percorrido vinculado á formación de deportistas ou á política. A exposición, organizada no marco do compromiso do Festival de Cans coa memoria democrática, poderá visitarse durante todo o festival. O martes 20 de maio ás 17:00 h ofrecerase unha visita guiada especial con familiares e persoas que coñeceron persoalmente a Reisiño, e antes da proxeción do documental 'Aillados', coa presenza do director Antón Caeiro, no que Reisiño é un dos protagonistas centrais, e das primeiras imaxes de 'San Simón', o filme aínda inédito do cinesta Miguel Ángel Delgado. Tras a inauguración da exposición, a artista Zeltia Irevire ofrecerá una actuación musical, patrocinada polo Círculo Recreativo Cultural como apoio a esta xornada previa do festival. A actuación, na terraza do CRC será aberta a todo o público.

A película 'Antes de nós', dirixida por Ángeles Huerta, será o filme de apertura da XXII edición do Festival de Cans. O filme sobre a biografía de Castelao terá a súa estrea no certame antes da súa chegada ás salas de cine. A proxección da película terá lugar no serán da xornada do xoves 22 de maio. A estrea estará arroupada pola directora e polos actores protagonistas Xoan Fórneas, Cris Iglesias e Nancho Novo entre outros. A imaxe gráfica do festival este ano está inspirada en Castelao.

Nove estreas en Ficción e Animación
Dentro das datas oficiais da programación entre o 20 e o 24 de maio, ofreceranse un total de nove estreas na sección competitiva de Ficción e Animación do Festival de Cans, na que haberá dez obras. Catro das obras terán a súa estrea absoluta e cinco delas será a primeira vez que se poidan ver en Galicia. Entre as obras de estrea absoluta están títulos como 'Home que foxe', baseada na fuga do preso anarquista Xosé Tarrío e segunda curta do cineasta de Marín Pablo Dopazo; 'Montsera', de Diego R. Aballe e producida por Alfonso Zarauza, unha traxicomedia arredor da paixón pola botánica; 'Curmán', debut como director do actor Alejandro Jato e a curta 'Boca de Asno', de Carlos Calvar, unha historia surrealista cargada de humor negro.
Entre as estreas en Galicia, 'Abellón', de Fon Cortizo, que chega a Cans despois de ser recoñecida como mellor curta no Festival de Moscú e de varias seleccións internacionais, así como 'Hippocampus' de Xaime Miranda, que supón o debut no guión de Nuno Pico, líder da banda Grande Amore. Outras estreas serán a da cineasta de Cangas Adela Pino coa curta 'Corre Adela', e 'Adeús, Berta', do director e actor Fernando Tato. Tamén terá a estrea en Galicia un filme de carácter social como 'Mounir', de Xavier Rúa e Xosé Dopazo. A categoría de ficción complétase con 'O Patio' de Ariadna Cordal.

Catro estreas absolutas en Furacáns
Un total de oito obras estarán na sección competitiva Furacáns do festival, a sección destinada ás curtas de non ficción e a traballos que exploran vías narrativas de maior risco, que terá lugar o sábado 24 de maio. A metade das obras serán estreas absolutas, con temáticas que promoven reflexións sobre a paisaxe e a identidade a través de retratos íntimos ou arquivos familiares. Entre os cineastas a concurso hai unha mestura de creadores con traxectoria, cineastas emerxentes e mesmo debutantes. Entre os primeiros están a cineasta Carla Andrade, que presenta en Cans 'Nayan', unha obra rodada ao longo de varios anos entre Nepal e Chile. En Cans terán a súa estrea absoluta as novas obras de Xoán Escudero e de Alberto Lobelle. O primeiro presenta 'Nur Sultan', mentres Alberto Lobelle, estreará 'As entrañas saben o que a razón non entende'. Na competición de Furacáns tamén terán a súa estrea as curtas 'Se fora ou fose, quen sería?' de Candela Conde e 'Carracedo', de Manuel Lucas Mariño, membro da banda De Ninghures, que se achega á etnografía cunha mirada renovada, para filmar a singular filosofía de vida do luthier, músico e investigador lucense Sito Carracedo.

Programación musical
Dentro da oferta cultural complementaria, o evento contará nesta edición con máis de vinte actuacións musicais, programando as principais para o venres 23 e sábado 24 de maio no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, o gran epicentro musical e, o Torreiro, lugar emblemático da aldea. No Espazo Estrella Galicia da Leira do Río actuarán o venres 23 de maio Biznaga, e o sábado 24 de maio, A Banda da Loba a media tarde e, Santero y los Muchachos e Serial Killerz, como remate. O Torreiro, lugar icónico na aldea, onde se colocan as estrelas dos visitantes ilustres, volverá ser un espazo para actuacións musicais próximas. O venres 23 de maio, ás 20,00 horas, serán Caamaño & Ameixeiras as que ofrezan o concerto de benvida a Cans. Polo Torreiro, tamén pasarán, o sábado 24, na sesión vermú, o folk dos novísimos Abril e, ao anoitecer, o grupo de blues de Úbeda, Guadalupe Plata. O espazo invernadoiro acollerá a actuación da gaiteira Susana Seivane, no que será o seu regreso aos escenarios en Galicia. A nova escena musical galega terá destacado protagonismo nesta edición. Outra das actuacións musicais estará a cargo de Carabela. Pop, electrónica e música tradicional, cunha orientación cara innovacións vangardistas que poderá gozar o público o xoves na Praza do Concello de Porriño. DJ Rapante pechará a noite do venres.

Ademais de todo isto o cantante e músico Mondra, un dos grandes artistas galegos actuais, fará unha actuación única no Festival de Cans poñendo música en directo ao filme mudo 'Miss Ledya', película de 1916 que está considerada a primeira obra de ficción rodada en Galicia e na que Castelao ten un papel como actor. A actuación será un dos grandes atractivos do festival e forma parte das accións especiais que prepara o certame para celebrar o Ano Castelao, que conmemora os 75 anos do seu falecemento. Terá lugar na tarde do venres 23 de maio, con aforo reducido só para 90 persoas e un prezo de 5 euros a entrada, que se pode mercar desde hoxe na tenda online do festival. A actividade terá lugar no Baixo de Bugarín.