Fran Pérez Narf, é a nova entrada do Álbum de Galicia. O proxecto do Consello da Cultura que repasa biografías de persoeiros destacados do país incorpora a historia deste músico, autor dunha trintena de bandas sonoras para proxectos teatrais e recoñecido unanimemente como un dos creadores máis destacados neste campo nas últimas décadas.
Pepe Sendón, colaborador e amigo do protagonista, asina a nova entrada, na que dá conta dos seus comezos autodidactas da carreira musical, as múltiples colaboracións teatrais ou a etapa coa Psicofónica de Conxo, ademais da súa carreira en solitario, iniciada en 2002. Discos como Directo en Compostela (2003), Totem (2007), Alo, irmao! con Manecas Costa (2010), Nas tardes escuras (2013), que lle valería un dos Premios Martín Códax da Música, ou as Baladas da Galiza Imaxinaria con Uxía (2015), ademais dunha miríade de colaboracións e xiras amosaron a capacidade artística de madurez deste creador antes do seu falecemento en 2016.
Segundo lembra Sendón, "o seu entusiasmo inabalable e a súa capacidade innata para a música foron o agasallo que compartiu xenerosamente con quen se cruzou no seu breve camiño de 48 anos. Autodidacta, independente, aberto ás músicas do mundo, comprometido co deber de avanzar os patróns herdados e coa conexión interxeracional, sen máis modelo que a súa propia autoesixencia, indiferente a modas e etiquetas, a pegada da súa obra na música moderna cantada en galego será un inescusable parangón para os músicos do futuro". Da importancia do seu labor dá conta o feito de levar o seu nome o certame musical que convoca a Deputación da Coruña.
Para alén do repaso biográfico, a entrada do Álbum de Galicia recolle tamén textos sobre o protagonista, ligazóns, vídeos e cinco temas do músico.