Otilia Mó Foto: RAGC
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este mércores no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de Otilia Mó Romero (Ponteareas, 1947), catedrática emérita de Química Física da Universidad Autónoma de Madrid, como académica correspondente da sección de Química e Xeoloxía da institución. A investigadora pronunciou o seu discurso de ingreso co título "A Cuántica. Unha revolución que empezou hai un século". O encargado de realizar a laudatio foi o académico Miguel Ángel Ríos, catedrático emérito de Química Física da Universidade de Santiago, que foi o seu titor na facultade de Química na USC, o seu director de tesiña e quen lle amosou "a beleza e o encanto do mundo cuántico". No seu discurso, Otilia Mó fixo un alegato en defensa da educación pública, por un lado, e do papel da muller na ciencia por outro. "Foi un sistema de educación pública o que me levou a min, unha nena dunha recóndita aldea galega, a recibir en París unha distinción como muller investigadora en Química. Este milagre só reflicte o enorme potencial que o noso sistema de educación pública é capaz de acadar. Defendámolo".
Premio para Galiciencia
A RAGC tamén está de actualidade porque ven de conceder por unanimidade o Premio RAGC de Divulgación Científica 2025 a Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade. Está promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole. Este ano celebra o seu 20 aniversario, dúas décadas dedicada á promover as vocacións científicas e técnicas entre a mocidade, en particular entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP, Educación Especial e Bacharelato. A Academia destaca o seu "magnífico labor de potenciar, divulgar e comunicar a ciencia, fomentando o o espírito innovador e emprendedor entre os participantes e contribuíndo ao desenvolvemento de vocacións científicas entre a mocidade". Os membros do xurado poñen de relevo que se trata dun "ambicioso proxecto, que combina diferentes accións, cun elevado impacto no alumnado de toda Galicia". O xurado desta edición estivo composto polos académicos da RAGC Ángel Carracedo, que actuou como presidente; xunto a José Antonio Redondo, Antonio Rigueiro, Félix Vidal e Fiz Fernández.