As bibliotecas galegas acollen sesenta propostas vinculadas ao Día das Letras

Consisten en exposicións, espectáculos e obradoiros

Consisten en exposicións, espectáculos e obradoiros
Imaxe institucional da Xunta para o Día das Letras Galegas 2025
As bibliotecas da Xunta de Galicia acolleran sesenta actividades vinculadas ao Día das Letras Galegas. Trátase de exposicións audiovisuais e bibliográficas, espectáculos de música ou de narración oral, obradoiros vinculados á música e ás actividades das mulleres na sociedade tradicional galega ou xogos. O conselleiro de Cultura presentou esta programación onte na Biblioteca Juan Compañel de Vigo. As actividades realizaranse nas sete bibliotecas de titularidade autonómica e no servizo de bibliobuses para o rural.

Relación de actividades na nota de prensa oficial

Pontevedra
Tal e como expuxo o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, na propia biblioteca viguesa xa se poden visitar desde o pasado luns, e ata o 31 de maio, dúas mostras bibliográficas acompañadas de paneis explicativos: A música tradicional galega, na sala infantil para un público familiar, e Galicia e a tradición oral, dirixida ao público en xeral. Dúas propostas que se completan coa sesión de narración oral e música Unha noite no muíño, de Felipe Caxoto, e un concerto de Francisco Castro que repasa a poesía galega musicada desde os anos 60. Os dous terán lugar o venres día 16.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Pontevedra José Odriozola ten programada, desde o 12 ao 25 de maio, a exposición bibliográfica Cantareiras e o cancioneiro popular galego, así como un concerto do grupo de Meis Cantareiras Madialeva que interepretarán o 10 de maio unha escolma de cantigas populares e poemas musicados. Ademais, a cativada poderá gozar dunha tarde de contacontos o día 16 a cargo de Polo Correo do Vento, e o día 23 con Raquel Queizás.

A Coruña
Os equipamentos que xestiona a Xunta na provincia da Coruña tamén ofrecen actividades moi variadas. En Santiago, a Biblioteca de Galicia propón unha exposición que baixo o título Tesoureiras do noso reivindica a figura das mulleres que salvagardaron a cultura popular recompilando materiais audiovisuais coa recolleita de coplas, fotografías ou recortes de prensa. Xunto coa mostra, tamén se organiza o 16 de maio un concerto do dúo folk formado por Marina Carpente e Claudia Abril, mentres que o 24 volve a música co proxecto Canta compañeira canta de Felisa Segade e Merchi Rodríguez. Por outra banda, os máis pequenos poderán achegarse ás Letras a través de dous obradoiros: o día 25 co taller musical Desde Rosalía ás cantareiras e o 7 de xuño con Diorama. Fai a túa caixa-conto das cantareiras.

Tamén en Santiago, na Biblioteca Pública Ánxel Casal preséntase ao longo do mes de maio a mostra infantil Por que non hei de cantare cun percorrido pola transmisión oral da literatura popular. Así mesmo, as persoas desde os 14 anos poden participar o día 12 no obradoiro Sen cantareiras non hai foliada da man de Montse Rivera e o 16 no roteiro O Día das Letras Galegas e Compostela, que repasa a historia da efeméride prestando especial atención á súa relación con Santiago. Completan a programación o día 16 o espectáculo Desde Rosalía ata as cantareiras: as mulleres nas Letras e o 24 a sesión de contacontos Carme, a cantareira da aldea da man de Andamiaxe.

Xa na cidade da Coruña, a Biblioteca Pública Miguel Ángel Garcés fai unha selección de libros e música na mostra Cancioneiro Popular Galego que xa se pode visitar ata xuño. Por outro lado, rende homenaxe ás Letras a través dos contacontos Cantaruxa Catuxa o día 10 ou o concerto musical para público familiar As nosas letras, as nosas cantigas que se celebrará o día 15 a cargo do grupo Argallo da Asociación Cultural Xacarandaina. As persoas adultas tamén teñen a opción de participar no obradoiro Bordado Literario o 21 e 22, mentres que á cativada agárdalle a proposta de artes escénicas Caderno de cores e cancións o venres día 9. Ademais, o día 14 preséntase un libro canda unha charla divulgativa baixo o título Tradición oral recuperada das tebras. Son contos ou historia?, de Severino Fernández Abel.

Lugo
No que respecta á provincia de Lugo, a Biblioteca Pública da cidade ten previsto inaugurar o vindeiro día 13 a exposición derivada do concurso escolar convocado desde a Secretaría Xeral da Lingua e na que se poderán ver os dous traballos gañadores: Cantareiras: poesía popular oral, do colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, na Coruña, e Canta que cadramos ben, do Instituto Castelao, en Vigo. Tamén será protagonista a música cun concerto do Coro Xuvenil de Lugo o 16 de maio.

Por outro lado, o servizo de bibliotecas móbiles tampouco faltará á cita coas Letras Galegas, de maneira que A Furgoteca levará durante o mes de maio aos concellos lucenses de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, o xogo O Pasapalabra das Letras Galegas: as cantareiras e a poesía popular oral.

Ourense
Na cidade de Ourense, a programación da Biblioteca Pública Nós abrangue unha exposición centrada nas fotografías do certame Romaría Etnográfica Raigame que se celebra cada ano na parroquia de Vilanova dos Infantes, no concello de Celanova, e que poderá visitarse no centro xunto con outra mostra dirixida á cativada, LETRAS... Galegas. Panorama de narrativa infantil galega.

Ademais, tamén propoñen para o 16 de maio un roteiro por Ourense explorando a rica tradición musical galega, así como unha charla-obradoiro para o día 20, A tradición de cantar: A voz das mulleres como ferramenta expresiva, con Cristina Asenjo e Lucía da Fonte. Para o 23 organízanse actividades para nenos e nenas co programa Letras que cantan a cargo de Sabela Gago e o 24 terá lugar o concerto didáctico sobre a música tradicional Troupelear e o Proxecto Consonante con Blanca Villares e Pablo Pintor.

A estas iniciativas hai que engadir as que propoñen as dúas rutas de A Furgoteca na provincia. Así, na liña que percorre os municipios de Ourense Sur (Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós) a cativada pode participar nos obradoiros Miña nai, miña naiciña, coa elaboración de marcapáxinas centrados nas nais e nas mulleres das Letras, e Que me cantas? , con xogos baseados no cancioneiro popular.

Pola súa banda, a biblioteca móbil de Ourense Occcidental (Rairiz de Veiga, Porqueira, Sarreaus, Sandiás, Muíños, Lobeira, Padrenda, Ramirás, Quintela de Leirado, Verea) ofrece ao longo do mes de maio un amplo abano de propostas, ata 16, que van desde obradoiros sobre coplas e actividades artísticas e musicais ata xogos e adiviñanzas.