A música popular protagoniza o curso de primavera da USC en Lugo

A voltas coa tradición desenvólvese entre o 24 ao 26 de abril con inscrición de balde

Co título A voltas coa tradición, a Universidade de Santiago centra na música popular o curso de primavera que convoca cada ano en Lugo. Segundo sinala a institución, "partindo da idea de acompañar a iniciativa de homenaxear ás cantareiras e pandeireteiras" no Día das Letras Galegas, "sumando diferentes perspectivas e relatos sobre como se tratou, que se está a facer e que outros camiños se nos abren arredor da tradición e a súa xestión", o encontro desenvólvese entre os días 24 e 26 de abril.

A proposta ten aberta de balde a inscrición ata o vindeiro 22 de abril, e reunirá especialistas en diferentes ámbitos do noso patrimonio inmaterial. Carlos Callón, María Concepción Fernández López, Xabi Iglesias, Antonio Reigosa, Patricia Cupeiro, Alba Díaz Geada e Aitana Cuétara participarán da primeira xornada do curso.

Branca Villares, cun concerto comentado sobre "a tradición oral nos cantares do ciclo vital" e mais cun obradoiro arredor do "cantar e a construción da comunidade" completa as intervencións desa xornada inicial, que conta tamén cunha Polavila na que Ruth Pérez impartirá un obradoiro de iniciación ao baile tradicional.

O sábado 26, unha mesa redonda moderada por Isidoro Rodríguez Pérez abordará a cuestión do asociacionismo arredor da música e do baile tradicionais na cidade de Lugo. José Angel Vilabrille Rodríguez, de Cántigas e Frores, Fidel Reigosa Cotelo, da Volta do Agro, Javier Pajón Fernández, de Airiños de Orbazai, e mais Xaneco Tubío, da Asociación de Gaiteiras Galegas, participan este encontro. O programa inclúe tamén un paseo sonoro e un concerto foro con Bouba.