A retratista que documentou a outra cara da Transición galega

Morre a fotógrafa Anna Turbau

Morre a fotógrafa Anna Turbau
A fotógrafa Anna Turbau. Foto: Lokis
Esta noite morreu a fotógrafa Anna Turbau (Barcelona, 1949-2025), unha das fotógrafas que mellor e de xeito máis diverso documentaron a Galicia da Transición. A maior parte do fondo fotográfico galego, unhas 10.000 fotografías, está depositado no Consello da Cultura Galega, onde a fotógrafa colaborou para catalogar este importante acervo documental ao longo de varios anos. Unha escolma de cen imaxes deu lugar á exposición A intimidade da imaxe, comisariada pola catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo Andión, e que se inaugurou no pazo de Fonseca (Santiago de Compostela) en 2017.

Entre 1974 e 1979 Anna Turbau documentou as tensións políticas do tardofranquismo e da Transición, como a construción da Autoestrada do Atlántico, as protestas do naval ou os 25 de xullo en Santiago. Pero tamén emprendeu proxectos persoais de carácter máis etnográfico, documentando o traballo e a vida das mulleres no rural e nos espazos urbanos, ou fotografando os internados no sanatorio psiquiátrico de Conxo. A súa mirada, única e de carácter fotoxornalístico e documental, caracterízase por construír a empatía cos fotografados e facernos partícipes das súas emocións e angueiras vitais, pero tamén en prestar atención o conflito en colectivos sociais, coma os labregos, ata o momento retratados de xeito máis folclórico e pintoresco. Anna Turbau destacou tamén pola atención que presta ás mulleres, retratándoas cunha dignidade e proximidade pouco habituais na fotografía da época.

Neste vídeo queremos presentar unha antoloxía da súa obra a partir da exposición A intimidade da imaxe