
O xurado destacou da obra "a súa estrutura dramatúrxica que, con só dous personaxes, a través de entretecidos monólogos e fluídos diálogos, nos introduce de forma sutil nun contexto de convivencia veciñal cotiá para levarnos aos grandes temas da actualidade como a ecoloxía ou o racismo. Por outra parte, a escrita da peza está realizada cun nivel de polisemia que admite unha gran posibilidade de lecturas escénicas para as persoas que aborden a súa dirección, así como retos interpretativos interesantes debido á importancia que nela cobran as relacións humanas e o seu impacto no desenvolvemento persoal e profesional". Na súa acta o xurado sinalou a súa preocupación "polo baixo nivel de corrección lingüística da maioría dos textos presentados, condición que dificultou seriamente o seu veredicto final".
Os autores
Julio Fernández é membro da Academia Galega de Teatro, e Academia das Artes Escénicas de España. Titulado en Dirección e Dramaturxia (especialidade Teoría teatral e Dramaturxia) pola ESAD de Galicia. Máster en Formación e Investigación literaria e teatral no contexto europeo (UNED). Doutor pola Universidade de Alcalá en Estudos Literarios, Lingüísticos e Teatrais. Desde 1989 desenvolve a súa actividade escénica. Na actualidade é profesor de Teoría Teatral na ESAD Galicia. Alberto de Casso Basterrechea é un dramaturgo español que viviu tamén en Ghana e Cuba.