Premio Laudamuco de textos teatrais para unha obra a dúas mans

Julio Fernández e Alberto de Casso asinan a gañadora 'Vento mareiro non da voltas'

Julio Fernández Peláez (Manzanal de Arriba, 1963) e Alberto de Casso Basterrechea (Madrid, 1963) son os gañadores do VII Premio Laudamuco para textos teatrais, o certame literario convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Ámbolos autores concorreron ao certame coa obra 'Vento mareiro non dá voltas', pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas. O xurado estivo composto por Xulio Lago Alonso, Nieves Lema Vilariño, Inma López Silva (secretaria), Francisco Oti Ríos, Manuel Xestoso González. Despois de valorar os textos presentados ao certame, decidiron escoller como vencedora a obra titulada 'Vento mareiro non dá voltas'.

O xurado destacou da obra "a súa estrutura dramatúrxica que, con só dous personaxes, a través de entretecidos monólogos e fluídos diálogos, nos introduce de forma sutil nun contexto de convivencia veciñal cotiá para levarnos aos grandes temas da actualidade como a ecoloxía ou o racismo. Por outra parte, a escrita da peza está realizada cun nivel de polisemia que admite unha gran posibilidade de lecturas escénicas para as persoas que aborden a súa dirección, así como retos interpretativos interesantes debido á importancia que nela cobran as relacións humanas e o seu impacto no desenvolvemento persoal e profesional". Na súa acta o xurado sinalou a súa preocupación "polo baixo nivel de corrección lingüística da maioría dos textos presentados, condición que dificultou seriamente o seu veredicto final".

Os autores
Julio Fernández é membro da Academia Galega de Teatro, e Academia das Artes Escénicas de España. Titulado en Dirección e Dramaturxia (especialidade Teoría teatral e Dramaturxia) pola ESAD de Galicia. Máster en Formación e Investigación literaria e teatral no contexto europeo (UNED). Doutor pola Universidade de Alcalá en Estudos Literarios, Lingüísticos e Teatrais. Desde 1989 desenvolve a súa actividade escénica. Na actualidade é profesor de Teoría Teatral na ESAD Galicia. Alberto de Casso Basterrechea é un dramaturgo español que viviu tamén en Ghana e Cuba.