Cristina Pato recibe o Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades

O xurado do galardón concedido polo Concello de Ourense acordouno por unanimidade

O xurado do XIX Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades, convocado poloa Concello de Ourense acordou por unanimidade concederlle o galardón deste ano á artista ourensá Cristina Pato Lorenzo. Música, escritora, educadora e produtora, Cristina Pato comezou a súa formación musical no Conservatorio Municipal de Música de Ourense e aos 6 anos ingresou na Real Banda de Gaitas de Ourense. Aos 18, publicou o seu primeiro disco titulado Tolemia, co que se converteu na primeira muller en gravar un disco en solitario como gaiteira en España. O seu traballo e proxección internacional vén avalada por infinidade de premios. En 2017 recibiu un Grammy xunto á banda Silk Road Ensemble, coa que colabora en Nova York, e nese mesmo ano recibiu a Medalla Castelao. O xurado ve nela unha "muller comprometida e referente que reflicte, con total merecemento, o espírito deste premio", segundo expresa a acta da xuntanza.

O xurado do premio estivo integrado por Noa Rouco Ferreira, concelleira de Igualdade, como presidenta; Stella Estrada Mosquera, da entidade ValoReSC innovation, representante da Comisión de Investigación e Seguimento das Violencias de Xénero; Milagros Sierra Gómez, da Federación Limiar, en representación do Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes; Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, en representación do ámbito social ourensán, e Elena Cid Muñoz funcionaria da Concellería de Igualdade, como secretaria.