Héctor Rodríguez é coñecido por ser membro da formación Lontreira, pero tamén ten un proxecto artístico persoal, baixo o nome de Montedapena que leva o nome dun alto da península do Morrazo de onde é o músico. Cunha proposta musical que aínda que nos marcos da música urbana transcende as etiquetas e de ter algunha sería a de 'íntimo' ven de sacar o que é o seu primeiro traballo longo, con título homónimo ao proxecto. 'Montedapena' (Ernie Records, 2025) está desde hoxe nas plataformas dixitais e dispón dunha edición en vinilo, adquirible na tenda virtual de Ernie. Neste traballo de dez pistas conflúen desde os sons synth-pop das últimas décadas á música electrónica de club. Cunha maioría de uso do galego, o artista tamén inclúe cancións en catalán e castelán. O cantante e produtor moañés opta pola experimentación con lixeireza e atrevemento. O artista asina a composición, voz, a produción e a mestura no disco. Contou coas colaboracións de Jairo Daponte e Raphael Souza nas guitarras, Eloy Riveiro no baixo e Xurxo Núñez na batería. María Galdón cos teclados e Javier Vidal nos coros.
'Montedapena' invita ao movemento con ritmos bailables e letras de refencias xeracionais en canto a situacións e inquedanzas, buscando a conexión co seu público desde a primeira estrofa e deitando nel as súas experiencias vitais dunha década. O tema que abre o disco 'Voltei caer na merda' e do que tamén dispón de videoclip é un exemplo dunha expresión de insatisfacción existencial expresada a través de ritmos bailables para diluír no movemento as malas sensacións. Así ocorre tamén no tema homónimo do proxecto e máis do álbum 'Montedapena', unha pista de groove-house progresivo moi ben producida. O disco posúe versatilidade no seu marco referencial e dá xogo para a súa posta en directo, que comezará en breve cunha xira cuxa primeira cita será o vindeiro 14 de marzo na Sala Riquela de Santiago de Compostela. A Sala Jagger de lUgo, o día 23 será a seguinte ocasión para estar en abril no Torgal de Ourense e en Vigo na Fábrica de Chocolate. En maio poderá verse na Sala Filomatic da Coruña.