
Richi Casás, neto e afillado das protagonistas, asina esta entrada na que dá conta da traxectoria vital destas mulleres, que nunca chegaron a actuar en público fóra de encontros familiares e veciñais. O primeiro recoñecemento académico ao seu labor veu da súa inclusión no Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina a comezos dos anos 80.
Segundo recolle Casás, Schubarth apuntou "a gran variedade e orixinalidade das coplas que lles recolleu, pois tanto Rosa como Adolfina eran creadoras de coplas que servían para tratar sobre sucesos e personaxes locais". Canda a 250 coplas, a investigadora recolleu tamén unha decena de melodías creadas polas dúas cantareiras.
Para alén de dar conta da peripecia vital das dúas músicas populares, a entrada repasa as mudanzas na súa contorna e na relación coa música tradicional. Deste xeito, Casás advirte que "a xeración das fillas de Rosa e Adolfina, nacida durante a posguerra, sufriu dous importantes cambios vitais que determinaron un esmorecemento do canto tradicional. Por un lado, a emigración da seguinte xeración ao exterior e ás cidades, coa conseguinte disolución das comunidades rurais que deron orixe ao canto tradicional. Por outro lado, a modernización dos labores agrícolas e da vida doméstica, que remataron con moitos dos contextos nos que se desenvolvían a música e o baile tradicional".
Rosa e Adolfina recuperarían a súa actividade musical nos anos 90 en diferentes encontros familiares. O propio Richi Casás reivindicou este patrimonio no seu álbum Fuliada na vila, no que reinterpretou diferentes pezas das dúas creadoras recollidas por Schubarth.