O cinema protagoniza o XXVI Salón do Libro de Pontevedra

O encontro dedicado á literatura infantil e xuvenil desenvólvese do 21 de marzo ao 6 de abril

Un total de 300 actividades, das cales a metade son para público escolar, compoñen o programa do Salón do Libro de Pontevedra. O evento centrado na literatura infantil e xuvenil dedica ao cinema a súa vixésima sexta edición e celebrará os 130 anos desde o nacemento desta arte entre o 21 de marzo e o 6 de abril.

Entre as propostas do evento que organiza o Concello de Pontevedra destacan 14 espectáculos de estrea absoluta, moitos deles deseñados en exclusiva para o Salón. Entre as novidades atópanse títulos como A lanterna máxica, de Violeta della Roca, A historia de Lumecú a cargo de Percubebés, os Contos... entre cordas María da Pontaghra e Bleuen Le Friec ou a proposta de cinema e narración oral Voilà le cinéma! por Leucoíña Pasea. Tamén serán estreas a combinación de música e teatro que fan o Grupo Vagalume e Andrea Castro en María: catro notas para unha vida e Pitiminí *, de Iria Pinheiro e Davide González.

As dezasete exposicións que fan parte do evento inclúen unha que homenaxeará os tradutores Isabel Soto e Xavier Senín, outra protagonizada por Manuel Lourenzo, unha proposta da ilustradora Nuria Díaz sobre Chaplin ou Unha libra de libros libres de Ana Seoane. Francia, como país convidado, protagonizará un espazo do Salón no que se realizará unha achega á súa literatura infantil e xuvenil clásica e actual. A isto súmanse diferentes actividades nas que Bretaña contará cunha especial presenza.

Entre as novidades desta xeira está unha maior aposta pola accesibilidade no evento, que incorpora lingua de signos nos espectáculos de inauguración e clausura e novos espazos destinados a persoas en cadeiras de rodas e acompañantes. Contidos en braille, pictogramas, auriculares de redución de ruído, un espazo tranquilo e sala de lactación son outras das propostas neste sentido.

Canda á accesibilidade, a organización aposta por un incremento nas actividades para bebés e nas propostas para público adulto, que inclúen faladoiros con Ledicia Costas, Consuelo Vercher, Daniel Landesa, Miguel Vázquez Freire e Tensi Gesteira e mais Isabel Soto e Xavier Senín, un obradoiro de danza Bretoa, unha cata de viños en Mugartegui ou seráns poéticos fan parte deste apartado.