O Festival Converxencias volve a coser a raía culturalmente

Ofrece actividades en cinco localidades ata o 15 de marzo

Separados pola auga, pero unidos pola lingua, os costumes e a cultura… Portugal e Galicia volven unirse nunha nova edición do Festival Converxencias, a undécima, que comezou este 3 de febreiro e ofrecerá actividades ata o 15 de marzo en Braga, Padrón, Ponteareas, A Estrada e Santiago de Compostela. Como cada ano, este certame cultural programa unha serie de actividades arredor do 23 de febreiro, data de nacemento de Rosalía de Castro e de pasamento do cantautor portugués José Afonso, estreitando os lazos que unen Galicia e Portugal e evidenciando a súa semellanza entre as súas linguas e culturas. Desenvolvido polo grupo Canto D’aqui, en colaboración co Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, este evento conta co apoio do Concello de Braga e da Xunta de Galicia. Da música á danza, do teatro ó cinema, e salpicado de momentos de conversación e poesía, contará con nomes como Ricardo Ribeiro, Uxía, Canto D’Aqui, Grupo Muíños de Oliveira de Ponteareas, Rusga de São Vicente, entre outros.

Unha das citas máis destacadas será o tributo a José Afonso e Rosalía de Castro, onde actuarán o grupo Canto D’Aquí acompañados polos artistas Amancio Prada e Uxía e que terá lugar o vindeiro 23 de febreiro en Braga. O festival inclúe artistas como Ricardo Ribeiro, Artur Caldeira, Isabel Rei Sanmartín, Ana Sofía Carvalheada, José Moças, Daniel Pereira Cristo, Óscar Ibáñez ou a Banda Municipal de A Estrada, entre outros. O broche final a máis dun mes de programación será o 15 de marzo coa proposta musical Concerto fusão tradicional dos grupos Canto D‘Aquí e Rusga de San Vicente, no auditorio Reveriano Soutullo en Ponteareas. As actividades, datas e localizacións, poden consultarse no Portal da Lingua Galega. Promovido polo grupo Canto D’Aquí e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta, co apoio doutras institucións como a Fundación Rosalía de Castro, o obxectivo deste festival é dar cumprimento á Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.