Comezan as actividades do Ano Castelao

Un acto no Panteón de Galegos Ilustres súmase á apertura do web da celebración

O Panteón de Galegos Ilustras, na igrexa compostelá de San Domingos de Bonaval acolle este 7 de xaneiro a partir das 12 da mañá a apertura das actividades do Ano Castelao. Un acto cívico a conmemorar os 75 anos do falecemento do político rianxeiro será a primeira das homenaxes que se sucederán ao longo dos vindeiros meses.

Os máximos representantes da Xunta de Galicia, o Parlamento galego, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, entre outras institucións e entidades galegas, estarán presentes nun acto que comezará coa interpretación de varias pezas populares na voz da soprano Beatriz Riobó Agulla, Fernando Raña Barreiro á frauta e Alba Barreiro Mariño á arpa abrirá a homenaxe, que continuará con intervencións do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane,e diferentes intervencións institucionais. Unha ofrenda floral conxunta fechará esta primeira homenaxe.

En paralelo, o Museo de Pontevedra inicia tamén este 7 de xaneiro as súas actividades arredor da efeméride, cunha actuación musical de Maria do Ceo, unha visita guiada ás salas que acollen as obras do rianxeiro no centro e mais a proxección do documental Castelao: de chumbo a verba.

Pola súa banda, o Museo de Lugo abría este 3 de xaneiro a exposición 75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza. A mostra bibliográfica, coordinada polo Museo do Pobo Galego, onde xa se puido ver, conmemora este estudo, que Castelao asinou poucos anos do seu falecemento en Arxentina. A exposición poderá verse ata o vindeiro 30 de marzo, e en paralelo, o centro desenvolverá diferentes obradoiros arredor do traballo do homenaxeado e se complementará con outras actividades.

Finalmente, está xa na rede o web Castelao2025.gal, que recolle as actividades que desde diferentes institucións se están a celebrar arredor desta efeméride.

Actualización 12:45
A coincidir coa data, a Real Academia Galega publicou no seu web un espazo dedicado á figura de Castelao. No mesmo, achega diferentes fondos sobre o rianxeiro que custodia no seu arquivo, a abrir coa a bandeira do Consello de Galiza que se empregou no funeral deste persoeiro. Ao longo do ano, o web irá se actualizando con novas achegas, "dende manuscritos e fotos ata materiais bibliográficos e hemerográficos", segundo adianta a RAG.