As axudas á creación escénica da Agadic medran ata os 870.000 euros

A entidade abre o prazo para solicitar subvencións á realización de festivais audiovisuais, cun crédito de 300.000 euros

O Diario Oficial de Galicia deste 17 de decembro publica a convocatoria de axudas á creación escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais. Esta liña incrementa a súa contía en 70.000 euros respecto aos últimos anos e chega deste xeito aos 870.000, que se distribuirán en tres anualidades. En paralelo, a Agadic convocou tamén as subvencións para a realización de festivais do sector audiovisual, un ámbito no que inviste 300.000 euros.

A convocatoria para a creación escénica destina 70.000 euros para empresas de novas creación, 400.000 para o ámbito do teatro, novo circo e maxia, 100.000 en proxectos de danza e artes do movemento e 300.000 para actividade escénica de carácter plurianual, que cubrirá propostas ata o ano 2027. Estas últimas están destinadas a compañías que teñan desenvolvido a súa actividade sen interrupción nos últimos dez anos, mentres nas de empresas de nova creación non deben ter mais de 5 anos e teñen que estar compostas nun 75% por persoas nadas a partir de 1990.

Pola súa banda, as axudas a festivais audiovisuais, segundo adianta a Agadic, están destinadas a eventos que se realicen entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025. Para ser seleccionados, estes deberán ter unha duración mínima de catro xornadas e contar, cando menos, con 20 proxeccións. As solicitudes están restrinxidas a eventos que teñan realizado cando menos tres edicións consecutivas nos anos anteriores a aquel para o que se solicita a axuda. Ademais, o programa debe conter "un cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas". Cada festival poderá beneficiarse dun máximo de 50.000 euros. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro 16 de xaneiro.